O convenio entre o Concello de Ponteareas e “Humana Fundación Pobo para Pobo” apórtalle ao concello recursos para fins sociais

DSC_0600En virtude do acordo subscrito no ano 2012 polo Concello de Ponteareas con “Humana Fundación Pobo para Pobo”, recolléronse durante o pasado ano 25.000 quilos de roupa e calzado usados, que os veciños depositaron de xeito solidario  nos contedores de  recollida de roupa e calzado usados instalados  por Humana no municipio.

Froito desta colaboración, o Concello recibe de Humana unha compensación económica, que este ano ascende a 2.500 euros, e que desde a Concellería de Servizos Sociais se destinarán á compra de alimentos para distribuír entre as familias e persoas máis necesitadas do noso municipio, actuación prioritaria para o Goberno Local no labor de axuda ás persoas máis desfavorecidas e que, conxuntamente coas restantes actuacións que neste ámbito social e de apoio aos máis necesitados se veñen desenvolvendo desde o Concello, como son o reparto semanal de alimentos, roupas e aparellos, reparto de menús escolares individualizados, axudas de emerxencia social, etc, tratan de paliar o sufrimento das persoas que máis están a notar o impacto da crise.

Desde a Concellería de Servizos Comúns, que dirixe Jesús Cao, quere amosarse a satisfacción polos resultados obtidos o pasado ano e que supoñen un forte incremento respecto do ano 2013, froito da solidariedade dos veciños e que, ao mesmo tempo, demostra a sensibilización que os veciños de Ponteares teñen en materia de reutilización e reciclaxe, ao que sen dúbida contribuíron as campañas desenvolvidas e apoiadas desde o Concello en colaboración con organismos como Sogama. Así mesmo, tras estes bos resultados e acollida pola cidadanía, en próximas datas intentará incrementarse o número de puntos de recollida, que no ano 2014 pasaran de 7 a 10,  o cal redundará no beneficio da cidadanía e  do medio ambiente, así como incrementará as achegas económicas para fins sociais.