O Conservatorio de Música Reveriano Soutullo de Ponteareas sitúa a catro dos seus alumnos no 1º posto nas probas de acceso en distintos conservatorios superiores de música de España

web concelloQ55A2243Catro alumnos do Conservatorio de Música Reveriano Soutullo de Ponteareas logran o primeiro posto nas probas de acceso ao Grao Superior en distintos conservatorios superiores de música de España, en Vigo, Oviedo e Badajoz.

Andrea Rubio Gómez, alumna de violín, acadou o número 1 nas probas de acceso ao Grao Superior no Conservatorio Superior de Música de Vigo e A Coruña, quedando primeira nas probas de acceso ao grao superior de toda Galicia, rematando, así mesmo, o Grao Profesional co Premio Fin de Grao e Matrícula de Honor no Conservatorio Reveriano Soutullo de Ponteareas, na especialidade de violín.

Adrián Alonso Pereira, alumno de percusión, acadou o primeiro posto nas probas de acceso ao Grao Superior no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Así mesmo, finalizou o Grao Profesional no Conservatorio Reveriano Soutullo de Ponteareas co Premio Fin de Grao na especialidade de percusión.

Juan Antonio Vázquez Mouzo, alumno de percusión, logrou o posto número 1 nas probas de acceso ao Grao Superior no Conservatorio Superior de Música de Oviedo.

Xoel González González, alumno de percusión, obtivo o 1º posto nas probas de acceso ao Grao Superior no Conservatorio Superior de Música de Badajoz.

O concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández, felicitou os alumnos e o director do Conservatorio, Rafael Pérez Dopeso, en representación da comunidade educativa, e salientou que o éxito acadado polos alumnos do Conservatorio Reveriano Soutullo de Ponteareas pon de manifesto a calidade do ensino e do profesorado do citado conservatorio. Considera que é un orgullo para o Concello de Ponteareas que alumnos do seu conservatorio destaquen a nivel nacional, o que vén reafirmar que ao longo dos tempos Ponteareas é un pobo de músicos, onde naceron importantes mestres e compositores de recoñecido prestixio.