O Concello tramita as axudas para gastos de enerxía das familias con escasos recursos

As axudas son concedidas pola Xunta e teñen un límite máximo de 300 euros por solicitante e ano

ticket-electricoA concellería de Servizos Sociais, xestionada por Manuel Troncoso, está tramitando as axudas para gastos de enerxía das familias con menos recursos do municipio, coa finalidade de evitar que sufran cortes de luz nas súas vivendas.

Estas axudas están reguladas pola orde da Xunta do 23 de febreiro de 2015 pola que se establecen as subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, para o pagamento de parte da factura eléctrica a través do tícket eléctrico social de Galicia para o ano 2016.

Trátanse dunhas achegas económicas que teñen por obxecto subvencionar parte da factura eléctrica ás unidades de convivencia con menores ou discapacitados cuxos ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM (9.585,19 euros cada ano).

A contía da subvención será unha cantidade fixa de 180 euros ao ano para as unidades de convivencia que cumpran os requisitos, e de 300 euros ao ano para as que acrediten ser, ademais, familia numerosa. Os gastos subvencionables serán os que teñan que ver as facturas de electricidade (IVE incluído) cuxo período de lectura estea comprendido entre o 1 de xullo 2015 e o 30 de xuño de 2016.

Todas aquelas persoas interesadas deberán presentar as facturas do correspondente semestre en concepto de subministración eléctrica da vivenda que é residencia habitual do solicitante da axuda, ademais dos xustificantes de pagamento, certificado de convivencia. Tamén deberán presentar unha copia do título de familia numerosa e de ser o caso, o certificado de discapacidade dalgún membro da unidade de convivencia, con grado de discapacidade maior ou igual ao 33 %.

As solicitudes deberán ser presentadas de maneira electrónica a través desta ligazón, sendo preciso o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. O prazo de solicitudes remata o vindeiro 31 de xullo de 2016 e dende o departamento municipal de Servizos Sociais ofrécese axuda para realizar a tramitación das mesmas. Para máis información é posible acudir ao Centro de Servizos Sociais sito na rúa de Oriente, número 8, de luns a venres  en horario de 08:00 a 15:00 horas, ou chamar ao teléfono 986 64 17 47.