O Concello terá un parque canino en Ponteareas

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou a próxima creación dun parque canino na localidade. Coa iniciativa preténdese ofrecer aos propietarios de cans un amplo espazo destinado específicamente ao esparcemento das súas mascotas. Ao mesmo tempo, o parque canino contribuirá a solucionar os problemas que, ás veces, se suscitan pola presenza de cans en lugares como os parques infantís.

Para definir o espazo que se destinará a parque canino, as actuacións necesarias e a regulación do seu uso, o alcalde constituíu unha comisión asesora formada por veterinarios, profesionais da localidade relacionados co mundo dos cans e a protectora de animais. O pasado martes a comisión celebrou a súa primeira reunión onde se estableceu o método de traballo e estudo que concluirá nos vindeiros días coa presentación dunha proposta concreta de parque canino. Esa proposta exporase logo ao público para suxestións e aportacións veciñais, prevéndose  a posta en marcha do parque nun prazo breve de tempo.

Aínda que as opcións de ubicación do futuro parque canino están abertas, de partida o parque de San Roque perfílase como a mellor opción. “Na actualidade xa son moitos os propietarios de cans que usan este espazo para pasear as súas mascotas e  trátase dun lugar amplo sen apenas outros usos recreativos”, sinalou Xosé Represas, quen destacou que “con esta iniciativa daremos resposta a unha grande demanda social. En Ponteareas existen centos de persoas con cans que desexan dispor de espazos pensados especialmente para os seus animais”.

A comisión creada para o parque canino tamén abordará nas vindeiras semanas outras iniciativas para solucionar problemáticas como a suciedade en rúas e prazas provocada por unha minoría de propietarios de cans ou a necesidade de rexistrar os animais e controlar a implantación de microchips cun lector recentemente adquirido polo Concello.