O concello subvenciona a creación de 30 novos empregos e suma máis de 80 en tres anos

O Concello de Ponteareas adxudicou 30 novas subvencións de apoio á creación de emprego por parte da iniciativa privada na localidade. As axudas foron implantadas no primeiro ano de mandato pola decisión persoal do Alcalde de destinar a ese fin a partida do presuposto reservada para o seu salario, ao que renunciou.

Nos tres últimos exercicios concedéronse un total de 103.000 euros cos que se apoiou a contratación ou a consolidación como indefinidos de máis de 80 traballadores por parte de empresas e autónomos. En 2019 o Concello prevé convocar de novo as axudas por un importe de 50.000 euros.

Represas salientou que “é a primeira vez que o Concello de Ponteareas adica recursos a apoiar e incentivar a creación de emprego por parte da iniciativa privada. A principal preocupación dos ponteareáns é o emprego e esa é a nosa prioridade como goberno”.

O Alcalde fixo balanzo doutras iniciativas como os obradoiros de emprego que se organizaron ao longo destes case catro anos e cos que 40 persoas completaron a súa formación. “Máis da metade atoparon traballo ao concluir o obradoiro”, sinala Represas quen engade que “a miña maior satisfacción como alcalde é ver que se crean empregos en Ponteareas. Por iso apoiamos ao comercio local como nunca antes se fixera, defendemos ante a Xunta unha solución para a potenciación do polígono industrial da Lomba a través do PXOM e axilizamos e reducimos os prazos dos trámites burocráticos das licenzas de actividade”.