O Concello saca a licitación a reforma do edificio para o Centro de Dinamización Empresarial de Ponteareas

O Concello saca a licitación a reforma do edificio para o Centro de Dinamización Empresarial de Ponteareas

 

A rehabilitación será cofinanciada por fondos FEDER a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, hábitat saudábel’

 

O Concello de Ponteareas segue levando a cabo proxectos cos que revitalizar a economía local, orientándoa cara a actividades de produción e comercio sostíbel e fomentando e facilitando o emprendemento. Neste camiño, vén de sacar a licitación a obra de reforma e acondicionamento das plantas segunda e terceira dun edificio situado na Praza Maior número 13 para o seu uso como Centro de Dinamización Empresarial.

 

Con esta rehabilitación, o Goberno municipal do BNG-PSOE converterá este inmoble nun espazo que albergará, centralizará e facilitará diferentes accións coas que “impulsar o emprendemento na nosa vila e fortalecer o tecido económico e social, xerando un espazo de referencia moderno, accesíbel, aberto e ben planificado co que ofrecer á veciñanza un lugar para traballar e crecer”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

 

Así, o Centro de Dinamización Empresarial contará con espazos de traballo para persoas emprendedoras, coworking e oficinas de viveiro de empresas, unha oficina de asesoramento, unha sala de formación modular e versátil ou unha zona para albergar o servizo SmartPeme, entre outros espazos. “Será un edificio deseñado para ofrecer os servizos necesarios para o impulso da actividade económica e o fomento do emprendemento, co que se buscará non só dar pulo ás novas iniciativas empresariais en Ponteareas, senón tamén permitir ás empresas xa establecidas continuar avanzando”, explica a segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote.

 

A obra de reforma e acondicionamento sae a licitación por un orzamento base de 409.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’. As empresas, entidades ou persoas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata as 14.00 horas do vindeiro xoves 14 de xullo.