O Concello saca a licitación a mellora de camiños municipais na Portela e A Seca, en Padróns

O Concello de Ponteareas continúa coa mellora da estrada que conecta Ganade coa N-120

As obras terán un custo de arredor de 77.300 euros que serán cofinanciados polo do Plan MARCO 2022-2023

O Concello de Ponteareas continúa traballando para mellorar a rede municipal de estradas, reparando vieiros e pistas asfaltadas e pavimentando camiños de terra para mellorar o servizo á veciñanza. Por este motivo, vén de sacar a licitación as obras de mellora da pavimentación de tres camiños municipais na Portela e A Seca, en Padróns.

“As parroquias son unha prioridade para nós, tamén na conservación das súas estradas. Tendo en conta a ampla superficie da vila e o gran número de estradas existentes, mantelas en perfecto estado é complicado, por iso estamos poñendo en marcha proxectos de pavimentación que amplíen a plataforma actual e rexeneren completamente a rodadura nestas estradas”, explica a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote.

As actuacións afectarán ao camiño na Portela, un tramo de case 700 metros nos que se mellorarán as condicións para facilitar o tráfico rodado, así como o acceso a parcelas agrícolas situadas nas súas marxes. Nunhas condicións moi similares atópase o ramal na Portela, apenas 53 metros e cun pavimento bastante deteriorado e un ancho de plataforma moi escaso, mentres que no camiño na Seca repararase os 506 metros de pavimentado. “Os ensanches e as novas pavimentacións destas zonas permitirán mellorar de forma significativa o servizo ofrecido ás persoas usuarias, xa que se trata de camiños cun elevado nivel de uso”, salienta Garrote.

As obras, que contan coas autorizacións necesarias da Deputación de Pontevedra, saen a licitación por un importe de 77.300 euros. Este investimento que será cofinanciado polo Plan de Mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas Plan MARCO 2022-2023 de Agader. As persoas ou entidades interesadas poden realizar as súas propostas ata o vindeiro 27 de setembro.