O Concello reubica dúas paradas de taxi no centro urbano de Ponteareas

O Concello reubica dúas paradas de taxi no centro urbano de Ponteareas

Nos pasados días o Concello, de común acordo co sector do taxi, procedeu a reubicar dúas paradas do centro urbano de Ponteareas. Por unha banda, a parada que anteriormente tiña a súa localización na Praza de Bugallal quedou situada agora na rúa Vidales Tomé, no tramo que ten carácter peonil, situado a carón desa praza.

Pola súa banda, a parada que se atopaba até agora na rúa Rogelio Groba trasladouse á rúa Virxe dos Remedios, no tramo que ten tamén carácter peonil. Neste caso o traslado persigue liberar de vehículos a rúa Rogelio Groba, un espazo de importante tránsito e estancia peonil e onde tamén se atopan diferentes terrazas de hostalaría. A coexistencia destas terrazas coa propia parada reducía considerabelmente o espazo para os peóns e dificultaba ademais o movemento dos vehículos autorizados entre as terrazas e os taxis estacionados.

Por último, coa nova regulación de mobilidade, os taxis poden circular por todas as zonas peonís ao tratarse dun servizo público, debendo respectar a limitación de velocidade a 10 km/h nesas rúas e prazas.