O Concello promove deporte e saúde a través de xornadas técnicas e rutas de marcha nórdica

As primeiras serán os días 17 e 18 de setembro na Casa Cultural de Areas e rematarán cunha ruta pola zona o sábado 24

A actividade repetirase en novembro na parroquia de Arcos e contará cunha charla informativa no centro de saúde en outubro

O Concello promove deporte e saúde a través de xornadas técnicas e rutas de marcha nórdicaO Concello de Ponteareas organiza neste último trimestre do ano unha serie de xornadas técnicas de marcha nórdica, o deporte recomendado por todo o que achega á saúde de cada persoa independentemente da súa idade. “Esta disciplina non parou de gañar popularidade nos últimos tempos e numerosos estudos revelan os seus grandes beneficios para a saúde, xa que pon en funcionamento o 90% da musculatura corporal, uns 600 músculos, superando incluso á natación”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Este curso de iniciación á marcha nórdica arrancará esta semana con dúas xornadas técnicas na Casa Cultural de Areas, unha o sábado 17 ás 17.30 horas e outra o domingo 18 ás 10.00 horas. A formación rematará cunha ruta que se celebrará o vindeiro sábado 24 de setembro ás 17.00 horas na propia parroquia de Areas.

A actividade será de balde con inscrición previa ata completar o grupo máximo de 20 persoas, aos que se lles proporcionará os bastóns específicos empregados nesta disciplina. Todas e todos aqueles interesados en participar poden reservar xa a súa praza a través do teléfono 682 101 445.

As xornadas técnicas completaranse ademais con novas actividades relacionadas, como unha charla informativa no centro de saúde o vindeiro mes de outubro “para achegar os beneficios deste deporte a toda a veciñanza en xeral” ou unhas novas xornadas con ruta final na parroquia de Arcos durante o mes de novembro.