O Concello procede á limpeza de 25 parcelas para previr os incendios forestais

 

Os traballos céntranse na retirada de biomasa e especies arbóreas en dez hectáreas de terreo situadas nas franxas de seguridade

 

Co fin de previr e preservar a seguridade da cidadanía, o Concello de Ponteareas está a executar labores de desbroce, eliminación da maleza e retirada de especies pirófitas favorecedoras da proliferación de incendios forestais en parcelas delimitadas como franxas prioritarias de seguridade do municipio.

 

A actuación, enmarcada dentro do acordo asinado entre a Xunta de Galicia, SEAGA e a FEGAMP, estase a desenvolver en 25 parcelas que suman 10 hectáreas de terreo, nas que aínda non se realizaran os labores de mantemento por parte dos e das titulares chegada a data límite establecida pola Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia. Como sinala a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, trátanse de labores de execución subsidiaria na que os propietarios deberán abonar despois os traballos realizados ademais dunha multa. “É moi importante que propietarios e propietarias teñan en conta os avisos que se envían dende o Concello para que limpen as súas parcelas e evitar así que que teñan que afrontar esas sancións”, salienta.

 

Seguindo a normativa, estes traballos de xestión da biomasa desenvólvense naqueles terreos situados nunha franxa de 50 metros arredor de chan urbano ou núcleos rurais, nas vivendas illadas a máis de 400 metros do monte, ou en parcelas que están localizadas na contorna de gasolineiras, instalacións industriais ou zonas de campamento a menos de 400 metros do monte.

 

A edil fai un chamamento á colaboración das veciñas e veciños para unir forzas e loitar contra a proliferación dos incendios forestais no municipio a través da prevención ao longo de todo o ano, coa realización de traballos de limpeza e tala de árbores propagadores do lume en leiras e montes.