O Concello presenta o proxecto de transformación do Complexo Deportivo Álvaro Pino nun espazo innovador, accesíbel e sostíbel

O Concello presenta o proxecto de transformación do Complexo Deportivo Álvaro Pino nun espazo innovador, accesíbel e sostíbel

 

O edil de Deportes, Miguel Bouzó, explicou a iniciativa de rehabilitación integral nun acto participativo aberto á veciñanza

 

O Concello de Ponteareas traballa na rehabilitación integral do esoazo da piscina do Complexo Deportivo Álvaro Pino, unha edificación construída en 1989 que o Concello quere converter nun espazo “inclusivo e accesíbel seguindo criterios de sostibilidade ambiental, económica e social”. “Dende o Concello seguimos centrados na mellora de espazos, instalacións e servizos que ofrecemos á veciñanza e que son de todas e todos, e creando unha vila que aposta polas persoas e pola sostibilidade”, destaca o edil de Deportes, Miguel Bouzó.

 

A remodelación do complexo deportivo, que suporía un investimento de máis de 1,8 millóns de euros, presentarase ao Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que procura a rehabilitación sostíbel do parque público institucional de concellos e comunidades autónomas a través dos fondos europeos Next Generation.

 

O concelleiro presentou o proxecto de rehabilitación nun acto participativo aberto á veciñanza no que se debullaron as principais accións que se levarán a cabo e se recolleron ideas e suxestións dos e das participantes. Os traballos de reforma suporán unha mellora integral da envolvente, trasladando o consumo con fines térmicos a biomasa e dotando ao centro de sistemas de autoconsumo solar, mellorando a eficiencia enerxética do inmoble nun 73% nas enerxías non renovábeis que emprega actualmente.

 

Unha aposta pola inclusión e a sostibilidade que irá acompañada da mellora da accesibilidade ao centro, a dotación de vestiarios adaptados e a mellora das saídas de emerxencia para persoas con mobilidade reducida. Ademais, realizarase unha transformación integral da habitabilidade do centro con reforma integral dos vestiarios, do pavimento do chan ou dos sistemas e ventilación e climatización.

 

Durante o acto de participación social, que se celebrou no salón de plenos do Concello, os veciños e veciñas fixeron as súas achegas e suxestións para mellorar un proxecto que busca “potenciar os servizos dos que poidan gozar os e as ponteareás”. Entre as ideas achegadas polas e polos participantes destacaron a petición de mellora da accesibilidade para persoas con mobilidade reducida á piscina pequena ou ao SPA, para o que se estudará a instalación dunha grúa, e a xeración de filtracións na canle do vaso de piscina polivalente rematado en ladrillo visto.