O Concello prepara cinco novos cursos de balde nas casas e centros culturais das parroquias ponteareás

Xa está aberta a inscrición para participar nos dous talleres de cestería, nun de lingua de signos e noutro de memoria

O Concello prepara cinco novos cursos de balde nas casas e centros culturais das parroquias ponteareásO Concello de Ponteareas leva novos cursos de balde ás diferentes casas e centros culturais para achegar “o maior número posíbel de actividades lúdicas e didácticas ás nosas parroquias”, como explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. Neste camiño, o Goberno municipal porá en marcha xa a vindeira semana un curso de cestería na Casa Cultural de Arnoso, un taller de 12 horas de duración no que as e os participantes aprenderán a elaborar distintas pezas artesanais.

Este curso comezará o vindeiro martes 28 de febreiro e as clases impartiranse martes e venres de 16.30 a 19.00 horas. Xunto con este taller, o Concello ten organizado outro obradoiro de cestería na Casa Cultural de Prado tamén de 12 horas de duración.

En marzo será a quenda do curso de memoria que terá lugar na Casa Cultural de San Mateo de Oliveira, un taller de maior duración que se impartirá entre o 6 de marzo e o 8 de maio.

As persoas interesadas en participar en calquera destes cursos só terán que achegarse ao seu centro cultural, ao departamento de Cultura ou a través do correo electrónico departamentocultura@ponteareas.gal para informarse.

Por outro lado, o vindeiro mes tamén arrancarán dous cursos de lingua de signos nas casas culturais de Guillade e de Guláns. Con 30 horas de duración os talleres impartiranse luns e mércores de 19.00 a 21.00 horas dende o 20 de marzo ata o 10 de maio. As interesadas e interesados en inscribirse deberán facelo no rexistro de entrada do Concello.