O Concello pon en marcha o servizo de asesoramento para a rehabilitación de edificios situados na ARI

O Concello pon en marcha o servizo de asesoramento para a rehabilitación de edificios situados na ARI

 

A veciñanza xa pode solicitar asesoramento técnico e información para optar ás diferentes liñas de axudas

 

O Concello de Ponteareas xa ten en marcha un servizo de asesoramento sobre as diferentes liñas de axudas para a rehabilitación de edificios e inmobles situados na Área de Rehabilitación Integral da zona vella de Ponteareas (ARIZV), a primeira zona que conta con este recoñecemento no municipio e que integra unha zona de case 93.000 metros cadrados que ocupa o núcleo histórico da vila e que beneficiará a un total de 518 vivendas agrupadas en 74 edificios de uso residencial colectivo e 133 unifamiliares, así como 5 edificios de equipamentos e 16 destinados a outros usos.

 

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, salienta que dende o Goberno local do BNG-PSOE continúanse “a dar pasos para poñer en valor o noso centro histórico e ir recuperando pouco a pouco unha zona emblemática agora degradada e nun deficiente estado de conservación”. Coa posta en marcha deste novo servizo, o Concello facilita o acceso ás subvencións de fondos públicos ofrecendo asesoramento técnico, visitas técnicas, suxestións de intervención óptima nos inmobles, supervisión de orzamentos e facturas para os programas de axudas de rehabilitación da área, información de subvencións dos distintos plans de vivenda ou regulación autonómica ou estatal en materia de vivenda e de axudas compatibles dentro do ámbito ou fóra destas liñas de financiamento.

 

Son axudas concedidas a domicilios habituais e permanentes para obras cun coste mínimo de 1.000 euros por vivenda para a mellora enerxética e sustentabilidade, a redución da demanda enerxética de polo menos un 7% e a redución do consumo de enerxía primaria non renovable de polo menos un 30%. As persoas interesadas poderán consultar toda a información e documentación necesaria na páxina web do Concello ou solicitar máis información e realizar consultas a través do correo electrónico rehabilitacion@ponteareas.gal.

 

O Concello de Ponteareas apostou por conseguir a declaración de zona ARI do núcleo histórico “como parte da estratexia marcada para dinamizar o núcleo urbano, o que supón unha mellora da calidade de vida das persoas e a recuperación de espazos públicos e privados, que se completou coa adquisición dun edificio na Praza Maior que se destinará a servizos municipais para a veciñanza”, segundo sinala a segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote.

 

En Ponteareas o ámbito da ARI organízase arredor da Praza Maior e da Praza de Bugallal, que compoñen o centro da Área de Rehabilitación Integral. A partir de aí a zona vai medrando dende os Xardíns da Xiralda, a Casa do Concello e a Praza de Bugallal e a conexión entre ambos espazos pola Avenida da Constitución e a contorna da Igrexa. Tamén inclúe a conexión entre ambas as dúas prazas principais, incluíndo a Rúa de Oriente e a Rúa da Esperanza.