O Concello pon en marcha a recuperación do torreiro de Guláns cun proceso participativo

O Concello pon en marcha a recuperación do torreiro de Guláns cun proceso participativo

Colectivos sociais, ANPA e dirección do CEIP Feliciano Barrera e veciñanza achegaron novas ideas que se incluirán no proxecto de remodelación

Representantes de colectivos sociais, ANPA e dirección do CEIP Feliciano Barrera e veciñanza participaron este martes nun encontro participativo na biblioteca do centro educativo na que se deron as primeiras pinceladas do proxecto de recuperación do torreiro de Guláns, na contorna do conxunto parroquial de San Xulián, no que se eliminará o tráfico de vehículos da praza e se recuperará a totalidade do espazo para o uso das persoas, dando continuidade así á actuación xa realizada en colaboración coa Deputación de Pontevedra para a humanización da zona e a creación dunha senda peonil.

O obxectivo deste proxecto é converter o torreiro nun espazo de estancia e encontro social, mellorando a calidade ambiental coa incorporación de arborado e fomentando os hábitos saudábeis entre a veciñanza. Búscase así darlle unha nova vida a unha zona que actualmente se emprega como aparcamento, cun chan en estado deficiente e cunhas bancadas carentes de uso, ademais de prolongar a pista de acceso ao torreiro ata a entrada do aparcamento para dotar de maior seguridade a zona e dotando a estancia dunha maior amplitude para a celebración das festas patronais.

Durante o encontro, o público amosouse moi participativo e achegaron diferentes ideas que o equipo técnico estudará para incluír no proxecto. Unha delas é a posibilidade de incluír na acción a obra de remodelación dun oco existente baixo a plataforma do torreiro para poder dispoñer neste espazo dunha sala de reunión, un almacén e un aseo. “Trátase dunha posibilidade moi interesante, polo que se traballará coa Oficina técnica para integrala no proxecto e se buscarán liñas de financiamento europeo que poidan axustarse”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández.

Proxectos como o de recuperación do torreiro de Guláns busca, como recalca a rexedora, “aumentar a calidade de vida en Ponteareas, creando unha vila viva e dinámica, xusta, igualitaria e tamén sostíbel, achegando o noso gran de area na loita contra o cambio climático, xerando zonas máis verdes e arboradas”.