O Concello pide prudencia e atención aos vehículos autorizados nas zonas peonís

O Concello reforza as rúas peonís como lugar de estancia coa colocación de máis de 20 bancos

O Concello de Ponteareas fai un chamamento ás e aos condutores autorizados a acceder ás rúas peonís para que respecten o límite de velocidade de 10 km/h e a preferencia peonil e presten a máxima atención cando circulan ou manobran nestes espazos. O chamamento prodúcese logo de que nas últimas semanas parte dos 21 bancos e 31 xardineiras instaladas nas rúas sufrisen repetidos danos polo impacto de vehículos.

O goberno explica que “os bancos e xardineiras son perfectamente visíbeis para calquera vehículo que accede á zona peonil” e amosa a súa preocupación “pois do mesmo xeito que un vehículo golpea unha xardineira ou un banco pode facelo cunha persoa, un cativo ou cativa ou unha mascota que se atopen na rúa”. Por iso, dende o goberno local pídese ás e aos condutores de vehículos que extremen as precaucións cando manobran en zona peonil.

O Concello explica que o mobiliario urbano instalouse nestas rúas para convertelas en lugares de estancia das persoas, pero tamén para o calmado do tráfico. “Dende que se peonalizaron as rúas hai un ano, vimos observando que moitos vehículos autorizados acceden e manobran a velocidades excesivas ao dispoñer de toda a calzada libre e ante a ausencia doutros vehículos circulando ou estacionados”, sinalan dende o goberno local. A instalación de xardineiras pretende obrigar aos vehículos autorizados a circular a menor velocidade e respectar a limitación de 10 km/h.

Aínda que algúns dos reiterados danos e frecuentes golpes nas xardineiras e bancos foron consecuencia de actos de vandalismo, na maior parte debéronse á colisión de vehículos que normalmente abandonan o lugar sen responsabilizarse do dano causado. O Concello explica que “lamentabelmente os danos no mobiliario por golpes de vehículos son moi frecuentes e afectan a cotío a sinais de tráfico, farolas, papeleiras ou incluso elementos patrimoniais, como acontecía coa Fonte do Baratillo, onde as frecuentes colisións só cesaron tras a peonalización dese tramo de rúa”.