O Concello organiza un novo curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas

Será de balde e impartirase do 28 de febreiro ao 2 de marzo na sala multiúsos do auditorio municipal de 10.00 a 14.00 horas

O Concello organiza un novo curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentasO Concello de Ponteareas pon en marcha un novo curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas, un taller que, como sinala a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, busca “dotar ás mulleres de ferramentas para defenderse ou previr estas situacións. Non se trata de ensinar a pelexar, senón de facilitarlles todos os instrumentos para que poidan saír ilesas ou co menor dano posíbel para despois empregar as vías legais de protección e denuncia”.

O curso impartirase de balde do 28 de febreiro ao 2 de marzo na sala multiúsos do auditorio municipal en horario de 10.00 a 14.00 horas. As persoas interesadas en participar poden xa inscribirse chamando ao teléfono do Centro de Información a Mulleres, o 986 644 653.

As e os formadores serán especialistas da Federación Galega de Loita e pertencentes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que realizarán un adestramento físico e psíquico para saber como actuar ante diversas situacións problemáticas con técnicas de autodefensa. O Concello de Ponteareas colabora con este curso organizado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia a través de fondos do Ministerio de Igualdade do Goberno de España.

Carrea convida a todas as mulleres interesadas a participar nesta iniciativa “que amosa a aposta do Goberno municipal por igualdade, non soamente con cursos de formación que amplíen o currículo das mulleres e lles facilite a incorporación ao mercado laboral, senón tamén ofrecendo ferramentas como as deste curso, que lles achega seguridade e independencia tanto física como psicolóxica”.