O Concello organiza un encontro para tratar o problema da avespa velutina ou asiática

A reunión será o luns 24 de agosto e contará coa presenza dun técnico da Asociación Galega de Apicultura e de varios apicultores e veciños preocupados por este problema

O goberno local quere concretar cos apicultores as liñas de actuación dos Concellos e da Xunta para unha loita efectiva contra esta praga

stop-vespa-velutinaO vindeiro luns, 24 de agosto, ás 20:30 horas, o Salón de Plenos do Concello de Ponteareas acollerá unha reunión que ten como obxectivo abordar as liñas de actuación que a administración pública, en coordinación cos apicultores, deben tomar para combater esta praga.

O executivo municipal, que estará representado polo alcalde e responsable de medio ambiente, Xosé Represas, pola concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, e polo concelleiro de Medio Rural, Manuel Troncoso, é plenamente consciente dos prexuízos económicos que estes animais están a causar nos sectores apícola e froiteiro, do risco que supoñen para a seguridade cidadá e da redución que producen na biodiversidade dos ecosistemas da zona. A avespa asiática aliméntase das abellas autóctonas, minguando de xeito importante a produción de mel, estragando boa parte das plantas froiteiras e influíndo negativamente, asemade, no proceso natural de polinización das flores.

Nesta xuntanza tratarase sobre a colaboración inmediata para a retirada dos niños e concretaranse as medidas a adoptar para evitar a expansión desta praga no vindeiro ano.

O procedemento recomendado polo mundo apícola para eliminar os niños de avespa asiática é facelo pola noite, pois é o momento do día no que se atopan todas elas no niño. A entrada do mesmo, situada normalmente na parte inferior, é selada con poliuretano, de xeito que as avespas non teñan posibilidade de saír. Unha vez selado, o niño deposítase nun recipiente pechado e é trasladado a un conxelador no que estes insectos permanecen durante 48 horas antes da súa eliminación. Segundo datos da Consellería de Medio Rural, no Concello de Ponteareas houbo un total de 8 avisos por presenza de niños de avespa asiática no que vai de ano pero, pola información recibida polos apicultores, son bastantes máis, pois aqueles que están accesibles ben puideron ser eliminados antes de agardar varios días polos medios que envía a Xunta.

Tragsa è a empresa contratada pola Consellería de Medio Rural para levar a cabo a retirada destes niños. O Corpo Municipal de Bombeiros tamén fai este tipo de funcións naqueles casos nos que se require unha maior rapidez, como foi o caso do niño do parque de San Roque, recentemente retirado coa colaboración do parque comarcal ubicado no Porriño.