O Concello nega de xeito rotundo as acusacións sobre a documentación “sen credibilidade” nunha causa laboral

Casa do Concello

O Concello remitiu ao xulgado o informe de seguimento de traballo requirido e facilitado pola Xunta de Galicia

O Goberno municipal lamenta a aparición deste tipo de noticias que xeran confusión e desinformación entre a veciñanza nun momento no que claramente poden ter un efecto negativo a nivel electoral

O Concello de Ponteareas nega de forma clara e rotunda as acusacións publicadas en diferentes medios de comunicación sobre a investigación por parte do TSXG de documentos “sen credibilidade” presentados nunha causa laboral. O Goberno municipal lamenta a difusión deste tipo de declaracións e denuncian a posíbel motivación política que se agocha tras a súa publicación, que xera confusión e desinformación entre a veciñanza.

O Concello solicitou á Xunta de Galicia un seguimento do traballo realizado durante os últimos anos da traballadora, informe que foi facilitado pola administración autonómica e que foi remitido ao xulgado xunto co recurso presentado pola asesoría xurídica municipal. Tras a última sentenza, o Concello abrirá o procedemento que corresponda para clarificar todas as cuestións presentadas por parte do xulgado.

En relación á investigación sobre a documentación, o Concello reitera que estas acusacións carecen de fundamento e lamenta que se publiquen este tipo de noticias nuns momentos nos que claramente se busca un efecto electoral negativo que prexudique ao grupos municipais do Goberno municipal de cara aos comicios do vindeiro 28 de maio.

O Concello resalta que se trata dun caso illado e concreto que involucra a unha traballadora municipal e defende o traballo impecábel do persoal municipal que traballa no Concello, que desempeña un papel fundamental e indispensábel no desenvolvemento da xestión municipal.

O Goberno municipal reafirma o seu compromiso coa transparencia, a honestidade e o respecto cara a cidadanía, rexeitando calquera intento de politizar situacións concretas en prexuízo do ben da veciñanza.