O Concello lamenta a falta de colaboración da Xunta na mellora das escolas unitarias do CRA

O Concello lamenta a falta de colaboración da Xunta na mellora das escolas unitarias do CRA

 

O Concello conseguira unha subvención do 75% e a Xunta rexeitou achegar o 25% restante para obras nestes centros escolares

 

O Concello de Ponteareas lamenta a falta de colaboración da Xunta na mellora de cinco escolas unitarias da localidade agrupadas no CRA. O Concello redactou un proxecto de mellora da eficiencia enerxética das escolas de Pías, Areas, Ribadetea, Xinzo-Parada e Moreira, que incluía outras actuacións no interior das escolas, como renovación de portas, chan novo ou arranxos nos aseos. Para redactar o proxecto, o Concello investiu 17.583,25 euros. As obras foron orzadas en 269.004,22 euros e o Concello acadou o financiamento a través do IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético) para acometer os traballos, concretamente 199.377 euros que representaban o 75% do total do investimento. Deste xeito era necesario cofinanciar o 25% restante.

 

De acordo con informes de Secretaría e Intervención do Concello, as obras a realizar son competencia da Xunta polo que o Concello non pode legalmente financiar o 25% restante. As vías para cofinanciar a actuación pasaban por dúas alternativas. Por unha banda, que a Xunta, mediante un informe, excluíse da súa competencia esas obras para poder financialas dende o Concello ou ben que a Xunta asumira ese 25% restante aproveitando o 75% conseguido polo Concello.

 

O Goberno do BNG-PSOE explica que a Xunta pretendeu que o Concello se fixera cargo das Escolas Unitarias, non só das obras, senón do seu funcionamento, algo inaceptábel. Ademais, explican dende o goberno local, a alcaldesa propuxo á Xunta que asumira o 25% da obra da súa competencia, menos de 70.000 euros, para aproveitar a subvención de case 200.000 euros conseguida. O Goberno municipal salienta que “lamentabelmente, a Consellaría preferiu perder esa subvención que conseguira o Concello, por razóns que non alcanzamos a comprender. O certo é que a Xunta non tomou a iniciativa para unhas obras necesarias que son da súa competencia, e o Concello fixo un proxecto e conseguiu unha subvención do 75% para esas obras e a Xunta coa súa postura imposibilitou a súa execución”.

 

Malia o acontecido, o Concello sigue apostando pola colaboración institucional coa Xunta no obxectivo de mellorar o ensino público na localidade. Por iso, a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, trasladou ao Conselleiro de Educación e ao Xefe Territorial da Consellaría a total disposición do Concello a colaborar, ben asinando un convenio para buscar unha nova subvención que complete a Xunta cos seus recursos ou ben entregando á Consellería o proxecto redactado para que a Xunta realice as obras cos seus fondos propios.