O Concello investiu máis de 30.000 euros para que os centros educativos estiveran a punto para o novo curso escolar

O alcalde e a concelleira de Ensino visitaron as instalacións dos centros de Primaria e revisaron as obras acometidas polo Concello durante este verán

P1030237

Coincidindo co inicio das clases, o alcalde, Xosé Represas e a concelleira de Ensino, Cristina Fernández, mantiveron encontros coas Comunidades Educativas dos CEIP Nosa Sra. dos Remedios, Fermín Bouza Brey e Mestre Ramiro Sabell Mosquera. As reunións coas Direccións dos centros, Anpas e FANPO tiveron como finalidade comprobar “in situ” a finalización das obras que se acometeron nos respectivos centros. O Goberno local atendeu as demandas das ANPAS e das direccións dos centros e acometeu con persoal propio ou contratando certas actuacións complementarias de carpintería ou albanelería.

P1030243

No CEIP Nosa Sra. dos Remedios comprobaron os arranxos na cuberta e fachada, así como o pintado do edificio de primaria que soluciona as entradas de auga e humidade nas aulas que da fachada norte e outras obras menores realizadas no patio do Colexio.

No CEIP Mestre R. Sabell Mosquera colocáronse novas canalizacións de recollidas de augas nos diferentes tellados e reposición do firme en zonas do areeiro e parque infantil.

No CEIP Fermín Bouza Brey abriuse, ao fin, o comedor escolar, o Concello arranxou as instalacións para poder atender a demanda das familias de 90 nenas e nenos que por primeira vez contan con comedor neste centro.

P1030244

Tamén se fixeron reformas considerables nos baños do CEIP Feliciano Barrera de Guláns, así como pintado de aulas e corredoiros en ambos edificios. No CEIP de Santiago de Oliveira, estase ultimando a obra dos novos vestiarios que usa o alumnado para Educación Física. Pintáronse varios colexios das parroquias, acometéndose accións de aforro enerxético como son reposicións de radiadores de baixo consumo e a Concellería de Ensino sigue o plan de cambio nestas escolas das portas e ventás de madeira por unhas novas de aluminio con sistema hermético, que se irá facendo de xeito programado.

“Neste inicio de curso escolar os pais e nais puideron comprobar o estado de limpeza nos patios de todos os centros escolares. Estanse a sanear tamén os recintos dos institutos que comezan aínda a vindeira semana” engade Xosé Represas, responsable da área de Medio Ambiente.

P1030260

“A colaboración de todas as concellerías coa de Ensino é máxima de cara ao inicio do curso escolar. Debemos xuntar esforzos para conseguir mellorar as instalacións existentes e suplir así a incapacidade da Xunta de Galicia que sumiu ás nosas escolas nun declive tal que só é compensado polo empeño das Direccións e as Comunidades Educativas en conservar os edificios nas mellores condicións posibles. Seguiremos nos vindeiros meses executando accións que poidan mellorar esta situación e dende logo reclamando a execución das accións necesarias e que son competencia clara da Xunta”, explica a concelleira de Ensino, Cristina Fernández.