O Concello instala un novo desfibrilador no campo de fútbol de Angoares

Este novo aparello súmase aos xa instalados polo consistorio nos campos de Areas e Pardellas

No día de onte tivo lugar nas instalacións deportivas de Angoares a instalación e colocación dun desfibrilador semiautomático externo (DESA) de última xeración, dispositivo que se suma aos xa instalados anteriormente polo consistorio ponteareán nas instalacións deportivas de Areas e Pardellas.

“Seguimos co plan de protección que xa presentamos anteriormente e que pretende que cada ano o Concello instale máis desfibriladores en lugares de gran afluencia de xente, tanto no casco urbano como no rural, que permitan facer de Ponteareas unha vila cardioprotexida”, indica a edil Vanesa Fernández.

Xunto coa instalación do equipo DESA, o Concello tamén desenvolveu uns talleres para instruír sobre o seu uso e mantemento e tamén se levaron a cabo prácticas de reanimación cardiopulmonar (RCP), onde estiveron presentes a propia Concelleira de Seguridade Cidadá Vanesa Fernández e o Concelleiro de Deportes Benito Márquez. As RCP permiten manter o fluxo necesario de sangue osixenada no cerebro e restablecer o ritmo cardíaco normal mediante o uso dun desfibrilador. O marxe de actuación é de solo cinco minutos, e cada minuto que pasa diminúe nun 10% as probabilidades de supervivencia. En ausencia de atención inmediata, a taxa de supervivencia non chega ao 5 %, pero en cambio sobrepasa o 50 % en instalacións cardioprotexidas.

 “Neste taller de Angoares estiveron hoxe unhas 25 persoas, entre membros do cadro técnico, adestradores, delegados, e incluso pais de rapaces da escola de fútbol. Dende aquí quero agradecer a implicación de todos eles xa que é importante que o maior número de xente saiba unhas nocións mínimas de como usalos, porque nunca se sabe cando van facer falla”, indica o edil de Deportes, Benito Márquez.