O Concello insta á Xunta a que teña en conta as necesidades de Ponteareas nos orzamentos autonómicos do 2023

O Concello insta á Xunta a que teña en conta as necesidades de Ponteareas nos orzamentos autonómicos do 2023

O pleno celebrado este martes tamén aprobou a Conta Xeral do ano 2021, que recolle todos os investimentos realizados durante o ano pasado na vila

Luz verde tamén ao novo inventario de camiños, parques e xardíns, que substituirá ao que está actualmente en vigor, que data de 1958

O Goberno municipal aprobou este martes en pleno solicitar á Xunta de Galicia a que teña en conta “as necesidades prioritarias e urxentes” de Ponteareas nos orzamentos autonómicos para o 2023, que están en pleno proceso de elaboración. “Son necesidades que reclamamos ano tras ano e que continúan sen ser atendidas e inclúen investimentos para servizos básicos prestados á veciñanza, garantindo dereitos sociais que mellores as súas condicións sanitarias e ambientais, o benestar social, e que garantan uns servizos sostíbeis en función das competencias que ten esta administración”, salientou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Por este motivo, o Concello insta á Xunta a contemplar nos orzamentos para o vindeiro ano partidas económicas para as reformas necesarias na actual Escola Infantil Municipal e para a construción da primeira de creación autonómica en Ponteareas. Ademais, solicita que se inclúa presuposto para que a Xunta asuma os gastos que lle corresponden por competencia tanto na mellora de diferentes centros educativos como para o apoio a servizos como o Conservatorio de Música e a propia Escola Infantil.

Por outro lado, o Goberno local aprobou tamén en pleno a Conta Xeral do ano 2021, “que reflicte a importante cantidade de investimentos realizados polo Concello ao longo do ano pasado”. Así, durante o ano pasado destináronse case 7,6 millóns de euros a investimentos, dos que 6,8 son en obra pública, o que ademais de derivar na mellora da calidade de vida das persoas, implica tamén unha importante fomento do emprego e da dinamización económica. Ademais, un ano máis o Goberno municipal mantén o remanente de tesourería en positivo.  

Neste pleno ordinario o Concello de Ponteareas aprobou tamén o novo inventario de camiños, parques e xardíns de titularidade municipal, que permitirá actualizar a relación de bens e inmobles municipais que actualmente está en vigor e que data de 1958. Así mesmo foi declarada de especial interese municipal as obras de mellora das instalacións do Centro Cultural Xinzo.