O Concello inicia unha rolda de reunións para consensuar coa veciñanza as alegacións ao proxecto da N-120

 

A alcaldesa anunciou asesoramento técnico á veciñanza para a presentación de alegacións individuais

 

O Concello inicia unha rolda de reunións para consensuar coa veciñanza as alegacións ao proxecto da N-120A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, acompañada da segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote, doutros membros do goberno local e do arquitecto municipal do Concello, mantiveron unha primeira xuntanza cos grupos políticos e colectivos veciñais das parroquias directamente afectadas polo proxecto de trazado da mellora de seguridade viaria na N-120, proposto polo goberno do Estado para un treito de cinco quilómetros que atravesa as parroquias de Areas, Arnoso e Xinzo.

 

Fernández Davila explicou que “neste primeiro encontro quixemos abordar unha serie de cuestións de interese xeral que detectamos ao analizar o proxecto, como os accesos ás parroquias, a seguridade peonil, as marquesiñas de autobús ou as previsións de infraestruturas do Plan Urbanístico aprobado recentemente. Agora, visitaremos as parroquias ás que afecta directamente este proxecto para consensuar coa veciñanza as alegacións a presentar para mellorar o proxecto exposto polo goberno do Estado”.

 

As xuntanzas, abertas a toda a veciñanza, terán lugar o luns 18 na parroquia de Areas, o martes 19 na de Arnoso e o mércores 20 na de Xinzo, celebrándose todas elas ás 20.00 horas nos centros culturais das correspondentes parroquias. Así mesmo, o goberno local reunirase cos colectivos veciñais das parroquias de Ribadetea e Padróns, cuxa estrada de acceso e saída principal se ve afectada no proxecto.

 

A rexedora informou que o Concello pon a disposición das veciñas e veciños o persoal da área urbanística para asesoralos na realización de alegacións individuais ao proxecto. Para iso, as persoas interesadas poderán chamar ao teléfono 986640000 (ext. 1049) ou acudir ao segundo andar da Casa do Concello, onde se localiza a Oficina Técnica de Urbanismo.