O Concello inicia as obras de mellora da eficiencia enerxética no edificio de Servizos de Emerxencia de Ponteareas

O Concello inicia as obras de mellora da eficiencia enerxética no edificio de Servizos de Emerxencia de Ponteareas

Os traballos suporán un investimento de 67.509,124 € euros financiados con fondos europeos a través do IDAE

O Concello de Ponteareas xa deu inicio ás obras de mellora da eficiencia enerxética no edificio de Servizos de Emerxencias da vila, uns traballos destinados a garantir unhas instalacións municipais máis eficientes e reducir a súa pegada de carbono.

A alcaldesa, Cristina Fernández, destaca a importancia de levar a cabo estas melloras de forma paulatina nos edificios municipais, “medidas para optimizar os recursos enerxéticos que son fundamentais para contribuír á protección do medio ambiente, á loita contra o cambio climático e ao aforro económico para o municipio”.

As obras suporán un investimento de 67.509,124 euros financiados polo Fondo Europeo para o Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020 a través do IDAE, Ministerio para a Transición Ecolóxica. O importe da axuda ascende a 54.007,29 euros.

Situado na rúa das Pombas, as obras consistirán no illamento interior da cuberta sobre os espazos dedicados ás oficinas da Policía Local e a zona de Bombeiros, así como a mellora do illamento da envolvente das fachadas con contacto cara ao exterior. Os traballos non suporán ningunha variación na ocupación nin no uso das instalacións e estarán rematados nun prazo máximo de tres meses.

Cristina Fernández subliñou o compromiso do Concello coa promoción de prácticas sostibles e a transición cara a unha economía baixa en carbono, motivo polo que ao longo dos últimos anos levan realizándose diferentes obras como a mellora da eficiencia enerxética de instalacións municipais, o cambio de todo o alumeado público por luces LED ou a instalación pioneira dunha rede de calor por biomasa para abastecer a edificios municipais.