O Concello informa sobre as características das prazas de mobilidade reducida creadas a pasada semana

As prazas creadas duplican ao esixido legalmente e cumpren todos os parámetros e medidas materialmente posibeis nesas rúas

A concellaría de Mobilidade e Tráfico decidíu ampliar a información sobre as novas prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida, á vista dalgunhas dúbidas suscitadas entre veciñanza e persoas usuarias desas prazas.

 

O concelleiro Roberto Mera explica que a nova política nesta materia parte do diálogo cos axentes implicados. “Para as actuacións xa feitas e as que imos facer estamos contando coa opinión de Adapta, con quen mantivemos encontros e a quen agradecemos as súas aportacións, fundamentalmente á hora de decidir a mellor ubicación das novas prazas ou de recolocar as existentes noutro lugar”.

 

Segundo Mera, “as actuacións feitas estes días pretenden rematar coa actual situación na que practicamente todas as prazas existentes en Ponteareas non cumpren coa normativa. As novas prazas supoñen un gran cambio que salta a primeira vista”.

 

En primeiro lugar, na zona de actuación, pasouse de 4 a 6 prazas, un aumento nun 50% do número de prazas. Ademais de facer dúas a maiores, anuláronse outras dúas preexistentes mudándose de lugar para melloralas e cumprir coa normativa.

 

A lei establece unha ratio de 1 praza de mobilidade reducida por cada 40 convencionais. Nas rúas nas que a pasada semana se crearon estas prazas (Fernández Vega, Perillana, Morales Hidalgo e A Estrada) hai 131 prazas convencionais, polo que a ratio é de 1 praza para persoas con mobilidade reducida por cada 21, é dicir, o Concello oferta nesas rúas case o dobre de prazas do que esixe a normativa. Incluso se creou unha no aparcadoiro exclusivo do Mercado Municipal que dispón de 17 prazas.

 

A anchura fixada pola norma para as prazas é de 2,20 e as habilitadas polo Concello non só cumpren senón que o superan até os 2,50 metros.

Todas as prazas sitúaronse en batería para poder cumprir coa obriga de dispor dun paso cebreado lateral de 1,50 metros. A norma só obriga a un paso cebreado polo lateral do condutor. Mera salienta que “por vez primeira en Ponteareas, todas as prazas creadas contan con ese cebreado e incluso, en tres das prazas, o cebreado pintouse aos dous lados sen ser obrigatorio, para facilitar a accesibilidade polos dous laterais do vehículo”.

 

Ademais, das 6 prazas habilitadas 4 están a carón de pasos de peóns e a ampliación das beirarrúas realizada permite agora a mobilidade en cadeiras de rodas onde antes non era posíbel.

 

Respecto á lonxitude das prazas, a norma establece 5 metros: este é o único parámetro que non se cumpre nalgunha das prazas habilitadas, que, en todo caso, superan con creces os 4 metros e se aproximan aos 5. A razón é un impedimento material: a escasa anchura dalgunha das vías que non permite esa lonxitude para a praza de estacionamento. Para cumprilo sería preciso eliminar o carril de circulación. É o que acontece na rúa A Estrada, a carón do Auditorio e Mercado. O Concello coida, con todo, que é mellor crear esas prazas cumprindo todos os demais parámetros e medidas, agás ese, que privar a todas esas rúas de prazas por non acadar os 5 metros de lonxitude. Se se fixera así non habería prazas a carón de equipamentos públicos como o Auditorio ou o Mercado, nin se cumpriría a ratio de 1/40. “Estamos abertos a outras alternativas, se alguén as ten e as ofrece”, afirma Mera.

 

En todo caso, o edil nacionalista lembra que as actuacións aínda non se completaron e que a concellaría de Vías e Obras que dirixe Chus Garrote procederá nas vindeiras semanas a realizar os rebaixes e rampas nas beirarrúas que son imprescindibeis. Con esa finalidade Mera, Garrote e representantes de Adapta realizarán nos vindeiros días unha revisión das prazas creadas “e se é preciso corrixir ou mellorar algo farase”.

Resumo das actuacións

Incremento de prazas: 50% (de 4 a 6)

Ratio de prazas: 1 por cada 21 (case o dobre ca norma: 1 cada 40).

Anchura da praza: 2,50 (por norma: 2,20)

Lonxitude da praza: 5 metros por norma; non se cumpre nas rúas que non teñen a anchura dabondo. Prefírese habilitar igualmente a praza cumprindo o resto das medida.

Cebreados laterais: 3 prazas cun cebreado, 3 prazas con dous cebreados aos dous lados (a norma esixe só un cebreado)

Prazas a carón de pasos de peóns: 4 de 6