O Concello informa das medidas adoptadas pola Xunta para a noite de fin de ano

A restrición nocturna vai dende as 01:30 ás 06:00 horas e a hostalería non poderá realizar ningún tipo de actividade entre as 23 horas do día 31 e as 11 horas do día 1

 

Trala súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Concello traslada á cidadanía as medidas especiais aplicábeis entre o 30 de decembro ás 00:00 horas e o día 1 de xaneiro ás 23:00 horas.
En relación aos encontros e grupos de persoas a Xunta recomenda que os encontros familiares para celebrar as comidas e ceas do 31 de decembro de 2020 e o 1 de xaneiro de 2021 se limiten á unidade de convivencia e no caso de que os encontros familiares se produzan entre persoas de dúas unidades de convivencia diferentes estean limitados a dez persoas. No caso de que o encontro sexa entre persoas de máis de dúas unidades de convivencia limitarase a seis persoas, non computando os nenos e nenas menores de dez anos e non podendo, en todo caso, superar o número máximo de dez persoas.

A mobilidade nocturna amplíase ata as 01:30 horas, únicamente para permitir o regreso ao domicilio e en ningún caso se utilizará esta ampliación horaria para desprazarse a diferentes encontros sociais. A restrición nocturna establécese entre as 01:30 horas e as 06:00 horas.

Respecto á hostalaría, a Xunta dispón que os negocios non poderán ter ningún tipo de actividade dende o día 31 ás 23 horas ata o día 1 de xaneiro ás 11 horas.

O goberno de Ponteareas apela á responsabilidade e solicita unha vez máis a colaboración da veciñanza no cumprimento da normativa para facer fronte ao espallamento da pandemia. “Todos e todas somos responsábeis e despois do esforzo e sacrificio realizado nestes meses non paga a pena baixar a garda porque do que se trata e de saír adiante para poder celebrar moitos nadais e voltar canto antes á normalidade tan desexada”, explica a alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila.