O Concello implanta o teletraballo en todos os departamentos onde é posible

O goberno do BNG e do PSOE tomou as disposicións oportunas para estender, tal e como marca o Real Decreto do Goberno do estado de alarma, o teletraballo en tódolos departamentos onde sexa posible, como medida de protección contra o COVID-19. A súa finalidade é a de restrinxir a presenza dos empregados públicos municipais aos mínimos que require a prestación de todos e cada un dos servizos e seguir atendendo aos cidadáns, e que estes non se vexan na obriga de vir ao concello. Deste xeito, e mentres dure o estado de alarma, garántese o funcionamento dos servizos municipais esenciais. O sistema de teletraballo permite que os traballadores desenvolvan as súas tarefas cotiás de igual xeito, cos mesmos aplicativos e documentos, que dende a súa oficina nas instalacións municipais.

 

O concelleiro socialista de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, quere agradecer publicamente “o esencial traballo que desenvolveu o Departamento de Informática durante a fin da semana, durante moitas horas seguidas, para poñer en funcionamento de urxencia o sistema que permite que moitos dos traballadores municipais poidan desenvolver o seu traballo na súa propia casa dunha forma moito mais segura, tanto para eles mesmos como para quen os rodea”.