O concello emprende accións fronte a empresas por incumprimentos na execución de obras municipais

O Concello de Ponteareas inicia accións fronte a varias empresas por problemas derivados da execución de obras das que foron adxudicatarias.

Por unha banda, respecto ás obras en execución na rúa San Roque, o goberno local informa que a empresa incumpríu o prazo que se concedera (até o nadal) e a prórroga concedida até o 23 de xaneiro, e abandonou a obra sen xustificación nin comunicación ao Concello, motivo polo cal o executivo local abríu o expediente correspondente que conlevará a imposición de sancións económicas, a reclamación dos danos e prexuizos e mesmo a resolución do contrato.

A intención do goberno é artellar as medidas legais e contractuais necesarias para que de maneira urxente se retomen as obras e se conclúan. O goberno lembra que esta situación é responsabilidade exclusiva da empresa adxudicataria e lamenta os prexuízos que está causando á veciñanza e ao propio Concello, pero adianta que “se actuará con contundencia no marco da legalidade fronte a calquera empresa que incumpra coas súas obrigas na execución desta ou outras obras”.

No mesmo sentido, o concello abríu un expediente para determinar as causas dos repetidos afundimentos xurdidos na Avenida de Galicia logo dunhas recentes obras de mellora dos servizos soterrados e do firme. O goberno quere depurar as responsabilidades nas que puidera ter incorrido a empresa adxudicataria do traballo sen prexuízo de que esta deberá de inmediato reparar os desperfectos e executar correctamente a obra para que non se volten producir novas incidencias.

O goberno lembra que conforme á lexislación en materia de contratos, as obras adxudícanse ás empresas a través dun procedemento competitivo, regrado e sometido aos principios de transparencia polo que os gobernos non deciden que empresas executan este tipo de obras. Por iso, un cumprimento defectuoso dos traballos ou o incumprimento de prazos é responsabilidade exclusiva da empresa adxudicataria e o que resulta esixíbel ao goberno é que actúe con rigor e rapidez ante calquera incumprimento. Daí que o goberno teña adoptado as medidas comentadas, respecto ás dúas obras da rúa San Roque e Avenida de Galicia.