O Concello destina 10.000 euros ás novas axudas a entidades sociais ponteareás

Concello de Ponteareas

Con esta liña de subvencións o Goberno municipal fomenta e apoia ás entidades que desenvolven programas de promoción do benestar social

O prazo para presentar a solicitude remata o vindeiro 15 de setembro

Un ano máis o Concello de Ponteareas pon en marcha unha liña de subvencións dirixidas a entidades sociais que desenvolven actividades no municipio durante este ano 2022. Trátanse de axudas coas que se busca “fomentar e apoiar as iniciativas das entidades sen ánimo de lucro que levan a cabo programas que promoven o benestar social da veciñanza a través de diferentes accións, continuando na liña marcada polo actual Goberno municipal desde 2015 de colaboración coas entidades sociais”, como explica a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera.

Estas subvencións permitirán realizar accións de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e sensibilización da participación cidadá ou de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, entre outras. As axudas será para actividades realizadas ao longo do ano 2022, a contar dende o 1 de xaneiro.

O Concello investirá un total de 10.000 euros nestas axudas, cun máximo de 3.000€ por entidade. Carrera salienta que estas subvencións “outórganse con fondos propios municipais e se conceden de forma transparente e en concurrencia libre”. As entidades sociais interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 15 de setembro. As bases, xunto co formularios en formato editábel, están a disposición na sede electrónica e na páxina web do Concello.

BASES DAS SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS A ENTIDADES SOCIAIS 2022

FORMULARIO 1. SOLICITUDE SUBVENCIÓN ENTIDADES SOCIAIS

FORMULARIO 2. DECLARACIÓN RESPONSABLE SUBVENCIÓNS ENTIDADES SOCIAIS

FORMULARIO 3. CERTIFICACIÓN BANCARIA SUBVENCIÓNS ENTIDADES SOCIAIS

FORMULARIO 4. AUTORIZACIÓN CONSULTA DATOS SUBVENCIÓNS ENTIDADES SOCIAIS

FORMULARIO 5. CONTA XUSTIFICATIVA ENTIDADES SOCIAIS