O Concello de Ponteareas xestiona ante a Xunta melloras para a espera exterior no centro de saúde

 

Cristina Fdez Davila pide celeridade para evitar as agardas á intemperie

A concelleira de Saúde do Concello de Ponteareas, a tenenta de alcalde Cristina Fdez. Davila, tramitou ante a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a solicitude de mellora do espazo exterior do centro de saúde ponteareán.

O obxectivo, segundo indicou a concelleira, é posibilitar unhas condicións dignas para as persoas usuarias, que con distancia interpersoal agardan á intemperie a súa quenda na franxa horaria na que se concentran as citas para as analíticas de sangue e as probas de Sintrom.

O empeoramento das condicións meteorolóxicas nestas alturas do ano, sumado a que maioritariamente este sector da poboación pertence a grupos vulnerábeis e de risco sanitario, fai fundamental a adopción inmediata de medidas para que as persoas usuarias agarden a súa quenda nun espazo cuberto”, sinalou Fernández Davila.

A concelleira nacionalista corroborou esta necesidade cos propios usuarios e usuarias, e trasladou a solicitude á Consellería de Sanidade da Xunta e á Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, que recoñeceu a necesidade de tomar medidas. “As administracións debemos velar pola saúde da nosa veciñanza, polo que pedimos a maior celeridade á Xunta para abordar este asunto”.