O Concello de Ponteareas súmase ás subvencións e axudas públicas de políticas activas de emprego

concelloO Concello de Ponteareas, consciente da necesidade de fomentar o emprego no municipio, e buscando todas as vías posibles para incrementar a empregabilidade das persoas do municipio, vén de solicitar varias subvencións públicas que terán por obxecto contratar a un total de 54 persoas en situación de desemprego, a través de axudas convocadas pola Consellería de Traballo e Benestar e pola Deputación de Pontevedra.

Dentro do Plan de Conservación e Funcionamento de Bens e Servizos Municipais da Deputación de Pontevedra, o Concello de Ponteareas solicitoulle a este organismo público axudas para o financiamento da prestación  de servizos mínimos, cuxo obxecto será a contratación de 34 persoas en situación de desemprego, que serán destinadas a obras de revalorización de espazos públicos municipais. Así solicítanse 12 peóns para medio ambiente, 10 peóns para conservación de edificios públicos e 12 peóns para vías e obras, que prestarán os seus servizos durante seis meses. Os traballadores obxecto da contratación serán persoas desempregadas, non perceptoras de prestacións, ou perceptoras de prestacións sociais destinadas a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia (RISGA, RAI ou PREPARA), inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego.

De igual xeito, a través da Consellería de Traballo e Benestar, dentro das axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais, búscase dar traballo a 20 persoas desempregadas durante 7 meses e que desenvolverán traballos en obras de interese xeral ou social. Deste xeito, solicitóuselle a subvención para a contratación de 7 peóns para edificios públicos, 7 peóns para medio ambiente e 6 peóns para vías e obras, que desenvolverán traballos para o Plan de revalorización de Espazos Públicos do Concello de Ponteareas.

O rexedor local, Salvador González, destaca a importancia destas actuacións que se enmarcan dentro da liña de fomento do emprego promovido polo concello ponteareán, tanto  no eido público, como neste caso, como no eido privado, no que desde o Centro de Desenvolvemento Local, dependente da Concellería de Emprego, que dirixe Marisol Valado, tamén se está traballando a través de varias canles, como a posta en contacto con empresarios do municipio para estudar os posibles nichos de emprego, con convenios coas empresas de traballo temporal, con asesoramento e formación para os emprendedores, así como coa Axencia de Colocación no que se ofrece un estudo do currículum dos demandantes de emprego, orientándooos e buscándolles unha saída profesional  tendo en conta o seu perfil, así como a oferta de formación que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, entre outras accións encamiñadas á empregabilidade.

Nesta época de crise que nos tocou vivir, afirma o rexedor ponteareán, é necesario pór todo o empeño en fomentar o emprego e, sobre todo, atender ás necesidades daquelas persoas máis vulnerables, garantindo o seu dereito ao desenvolvemento dunha actividade profesional, proporcionándolles a experiencia e a práctica profesional necesarias para facilitar a súa integración  no mercado laboral.