O Concello de Ponteareas subscribirá o convenio de vivendas baleiras promovido pola FEGAMP e o Instituto Galego da Vivenda

A Xunta do Goberno local decidiu achegar a súa sinatura a este programa enfocado na axuda a persoas e familias en risco de exclusión social

O Concello de Ponteareas foi convidado a firmar, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias, co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) o convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan Galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Con este acordo procúrase pór inmobles desocupados a disposición de persoas e familias en risco de exclusión social e de xeito prioritario, ás afectadas por procedementos de execucións hipotecarias ou por desafiuzamentos por impago da renda de alugueiro da súa vivenda habitual.

“Consideramos que é un paso positivo na dirección correcta, pero este convenio tampouco garante un baixo prezo da vivenda para os inquilinos nestes casos. Entendemos que a Xunta de Galicia terá que tomar outra serie de medidas para garantir o acceso á vivenda para estas persoas e familias. En todo caso, tentaremos habilitar un banco de vivendas a partir deste convenio”, explica o alcalde Xosé Represas.

A participación no convenio é libre para aqueles concellos interesados. O Goberno remitirá comunicación á Dirección Xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo para comezar o procedemento que rematará coa sinatura do acordo de adhesión.