
As obras, financiadas con máis de 104.000 euros polo Plan Concellos, melloraron dúas pistas de acceso dende o barrio de Canedo e As Cachadas
O Concello de Ponteareas segue avanzando na mellora da rede municipal de estradas e vieiros de todo municipio. A concellaría de Vías e Obras vén de rematar a renovación de dous vieiros no parque forestal da Picaraña, onde se realizaron traballos de pavimentación de dúas pistas de acceso dende o barrio de Canedo e As Cachadas ata a confluencia co acceso dende a parroquia de Arcos.
“Durante o último mes levamos a cabo unha actuación moi necesaria e positiva para todas as persoas que pasan de forma habitual por esta zona. Trátanse dunhas pistas moi transitadas tanto a pé como polo tráfico rodado dada a súa proximidade ao parque forestal da Picaraña e ao centro urbano, polo que a súa renovación e mellora era fundamental”, recalca a concelleira, Chus Garrote.
Cun investimento de máis de 104.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra e tras conseguir a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, as obras contemplaron a limpeza da marxe dos vieiros e a apertura de cunetas ao longo de case 2,4 quilómetros de estrada. Tras estes traballos procedeuse a pavimentar os dous camiños, que contan cunha superficie total de 11.000 metros cadrados.
Como sinala a edil, as obras destes dous vieiros no parque forestal da Picaraña “forma parte do proxecto do Goberno municipal do BNG-PSOE para ir renovando o gran número de estradas coas que conta Ponteareas e as súas 24 parroquias, rexenerando camiños e vieiros, mellorando as nosas infraestruturas e garantindo a seguridade de todas as persoas que as empregan cada día”.