O Concello de Ponteareas reforzará a atención telefónica e telemática durante o estado de alarma

A comisión de seguimento da crise do COVID-19 adoptou hoxe acordos relativos aos servizos públicos, atención cidadá, organización e protección do persoal, seguridade cidadán e cumprimento das normas do estado de alarma

Durante a tarde de hoxe a comisión municipal de seguimento da crise do COVID-19 mantivo unha reunión de traballo presidida polo Alcalde Xosé Represas e coa presenza das tenentes de alcalde Cristina Fernández, Chus Garrote e Roberto Mera.

 

Na reunión acordouse que durante a vixencia do estado de alarma o Concello de Ponteareas manterá a atención telefónica e telemática aos cidadáns en todos os seus servizos, pero non se prestará atención presencial. Neste sentido, o Concello lembra que a declaración do estado de alarma supón a suspensión dos prazos dos procedementos administrativos en curso, o que supón tranquilidade e garantía para os cidadáns que non se verán prexudicados por esta excepcional situación ao non correr os prazos aos que puideran estar sometidos para a presentación de documentación ou pago de taxas, entre outros.

 

Ao mesmo tempo, o Concello pon a disposición de toda a cidadanía un directorio completo de todos os servizos municipais nos que se especifica se a súa actividade está suspendida ou non, así como os teléfonos directos e correos electrónicos para a realización de calquera consulta. Dito directorio está dispoñíbel na web municipal e nas portas de todas as instalacións municipais.

 

Lémbrase que están suspendidos os seguintes servizos: Escola Infantil, Ludoteca Municipal, Atención Temperá, Medrando á Par, Centro de Día, Obradoiro Ocupacional Asprodico, Auditorio Municipal, Biblioteca e Axencias de Lectura, Museo Municipal, Complexo Deportivo Álvaro Pino, Estadio de Pardellas – Rei, os locais de ensaio, o comedor escolar Bouza Brey, a Aula Matinal, o programa Entre Nós, o Conservatorio e a Escola Municipal de Música e o Punto de Información Turística. Aínda que non se presta o servizo cidadán habitual neles, todos estes servizos manteñen a súa atención telefónica ou por correo electrónico para calquera consulta.

 

Asemade, a comisión acordou toda unha serie de medidas de carácter interno e protocolos de prevención e autoprotección do persoal municipal, a implementación nos vindeiros días do teletraballo entre parte do persoal administrativo e a continuidade na prestación de servizos básicos como infraestruturas, alumeado ou axuda no fogar, entre outros.

 

Por outra banda, seguindo as indicacións da FEGAMP suspéndense todas as reunións dos órganos colexiados municipais que aínda non foran convocadas.

 

En canto á seguridade cidadán e o cumprimento das normas derivadas da declaración do estado de alarma, a Policía Local actuará coordinada co resto das forzas de seguridade e seguindo as instrucións que se diten desde a Delegación do Goberno. Durante a xornada do domingo a Policía Local e a Garda Civil realizaron patrullas continuas, non se producíu ningunha incidencia reseñábel e o cumprimento das limitacións de circulación e prohibición de actividades cumpríuse de forma satisfactoria no conxunto do concello.

 

A comisión municipal de seguimento do COVID-19 manterá unha reunión diaria durante a vindeira semana para avaliar o cumprimento dos seus acordos e adoptar novas medidas que se consideren necesarias, ademais de estudar e concretar a colaboración coas autoridades sanitarias, a atención á cidadanía, en especial ás persoas máis vulnerabeis, e as medidas de apoio aos sectores económicos afectados por esta grave crise.

DESCARGA AQUÍ O PDF DOS SERVIZOS DO CONCELLO DURANTE DURANTE O ESTADO DE ALARMA POLO COVID-19

Información xeral servizos e contactos 15.03.2020 (3)