O Concello de Ponteareas reforza o seu parque móbil coa incorporación de dous novos furgóns

O Concello incorporará un novo vehículo para ampliar prazas de transporte adaptado municipal

Saca a licitación a adquisición dun vehículo adaptado para a área de Benestar Social e dun furgón para Vías e Obras

O Concello de Ponteareas reforza o seu parque móbil coa incorporación de dous novos vehículos cos que seguir actualizando e mellorando a atención dos distintos servizos públicos ao tempo que se camiña cara a unha mobilidade menos contaminante e máis sostíbel. Neste camiño acaba de sacar a licitación a adquisición dun furgón para a área de Benestar Social co que “ampliar o servizo de transporte adaptado municipal e aumentar as prazas dispoñíbeis na actualidade. Queremos reforzar un servizo moi importante para nós que nos permite poñer a disposición das persoas con mobilidade reducida un medio de transporte adaptado ás súas necesidades ”, destaca a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.

Este novo vehículo deberá ter capacidade para seis prazas e dúas cadeiras de rodas, ademais de estar adaptado con plataforma e prato fixo, ancoraxes de superficie, agarradoiras de acceso, chanzo eléctrico e mecanismo xiratorio de 180 graos para monorampa, entre outras especificacións técnicas.

Xunto a este novo vehículo, o Concello tamén saca a licitación a adquisición dun furgón para a área de Vías e Obras co que dotar ao persoal municipal das ferramentas necesarias para o desempeño do servizo. Entre outros requisitos, deberá ser un vehículo mixto de 5 prazas e enganche na parte traseira para remolque.

Ambos os dous furgóns saen a licitación por un importe máximo de case 68.000 euros que serán financiados ao abeiro do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. As persoas ou empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de novembro.