O Concello de Ponteareas realiza novos investimentos no parque forestal de Ribadetea e Xinzo

Coas actuacións contratadas xa se levan investidos máis de 93.000 euros no parque forestal Seixiforna-Viveiro

O Concello de Ponteareas está realizando novos investimentos no parque forestal situado nos montes veciñais das parroquias de Ribadetea e Xinzo, segundo informou a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo.

Neste momento están en execución os traballos de prevención de incendios; roza de faixas auxiliares, áreas cortalumes e tratamentos silvícolas de podas, incluíndo a eliminación de especies invasoras, sobre unha superficie de 28 hectáreas na zona do parque forestal denominado Seixiforna-Viveiro nos montes veciñais destas dúas parroquias lindantes entre sí e que chega ata o límite co concello de Mos”, explicou a concelleira nacionalista.

Con estas actuacións dase continuidade aos traballos xa realizados na fase anterior que teñen como finalidade protexer os montes e que estes espazos, con valores naturais, culturais e paisaxísticos sexan lugares da recreo para a veciñanza”, salientou Rosa Covelo. Anteriormente xa se realizaron outros investimentos en medidas de defensa contra incendios forestais e iniciativas para a posta en valor do patrimonio arqueolóxico e cultural existente nos montes veciñais desas dúas parroquias cun investimento de 59.000 euros.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas amosouse satisfeito coa liña de colaboración coas comunidades de montes, “dende 2015 hai un antes e un despois nas relacións entre o Concello e as Comunidades de Montes Veciñais, rematamos coa confrontación de etapas anteriores e estamos nun momento de plena colaboración e apoio ao labor das comunidades, realizando importantes melloras” sinalou Represas, engadindo que “todas as actuacións están encadradas no proxecto técnico de parque forestal, elaborado por iniciativa do Concello en colaboración coas comunidades propietarias do monte.”

O goberno de Ponteareas conseguíu para este proxecto o financiamento da Deputación de Pontevedra que aportará o 70% mentres o 30 % restante é financiado polo Concello con fondos propios.

Na actualidade están en marcha tres parques forestais que atinxen a 7 comunidades de montes, cunha superficie de 600 hectáreas: A Picaraña, Seixiforna-Viveiro e San Cibrán-Muiños de Couso, sendo Ponteareas o Concello que máis parques forestais promoveu nos últimos anos, grazas ao apoio da institución provincial.

Rosa Covelo e Xosé Represas agradeceron a colaboración das comunidades de montes das parroquias de Ribadetea e Xinzo que puxeron todas as facilidades para acometer estas actuacións nos terreos da súa propiedade para unhas actuacións das que poderá disfrutar calquera veciño/a