O Concello de Ponteareas puxo en marcha por terceiro ano consecutivo o curso de preparación para as probas libres de Ensino Secundario Obrigatorio (ESO)

Curso preparatorio ESOA Concellería de Servizos Sociais e Muller, que dirixe Rosa Carrera, leva varios anos apostando pola preparación e formación como ferramenta principal para a loita contra a exclusión social, posto que, segundo manifesta a concelleira responsable desta área, cre que é un piar fundamental para conseguir a inserción social plena das persoas coas que se traballa desde a súa concellería.
Actualmente, estar en posesión do Graduado en ESO é fundamental para acceder a formación específica e mesmo para acceder a determinados postos de emprego que así o requiren. Baixo tal premisa, considérase importante poder ofertar este curso á cidadanía e así por terceiro ano consecutivo, o Concello de Ponteareas ofrece a posibilidade de poder realizar esta acción formativa de xeito totalmente gratuíto.

Este ano o curso está composto por 30 persoas, todas maiores de idade, seleccionadas polo equipo de Servizos Sociais do Concello de Ponteareas, tendo en conta a valoración técnica no marco das accións e obxectivos dos seus proxectos persoais de inserción social ou familiar.