O Concello de Ponteareas presenta o cuarto número da revista “Soberosum”

presentación-soberosumO cuarto número da revista “Soberosum” foi presentado no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas nun acto que contou coa presenza do alcalde ponteareán, Salvador González Solla, e do concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro.

Trátase dunha publicación editada polo Museo Municipal de Ponteareas na que varios estudosos presentan os seus traballos, directamente ligados a Ponteareas e a súa comarca e enmarcados en diversas disciplinas.

Esta edición incorpora un total de 20 traballos relacionados coa etnografía, a historia, a arqueoloxía, a arquitectura e a natureza da vila ponteareá e do seu entorno. Unha revista na que 23 estudosos ofrecen desinteresadamente as súas investigacións baseadas en diferentes eidos.

O concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro, que colabora como un investigador máis neste volume, salientou que “grazas a este medio, Ponteareas pode compararse coas grandes ciudades galegas que, con moitos máis recursos, levan a bo termo publicacións que falan das súas peculiaridades”.

O editor desta revista é Estanislao Fernández de la Cigoña, un investigador e escritor, autor de moitos libros sobre historia, etnografía e outras ciencias, ademais dun enorme estudoso da natureza galega. Fernández de la Cigoña mostrouse “satisfeito co resultado obtido neste cuarto volume”, no que todos os autores “puxeron o entusiasmo que sempre poñemos cando facemos traballos culturais”. O investigador emprazou aos dirixentes a continuar con este traballo de divulgación e expresou o desexo de creación dun Instituto de Estudos Ponteareán no curto prazo. Un órgano que, na súa opinión, “daría un salto cualitativo á investigación sobre a historia de Ponteareas e a súa comarca”.

O alcalde ponteareán, Salvador González Solla, quixo agradecer a “todos os investigadores a súa colaboración  para facer realidade esta revista e, asemade, felicitalos polo seu labor a prol da cultura de Ponteareas e de Galicia”. Solla recordou que esta publicación serve para “pór en valor o parimonio de Ponteareas e da comarca, sendo un axente de suma importancia na transmisión dos traballos de investigación”.

A publicación conta co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.