O Concello de Ponteareas organiza unha visita guiada ao Cemiterio Municipal de Ponteareas o vindeiro xoves, día 6 de agosto.

CARTEL VISITA CEMITERIOA Concellería de Cultura e Lecer, Normalización Lingüística e Turismo, que dirixe a edil Hortensia Bautista, a través da Biblioteca e o Museo Municipal de Ponteareas, e dentro do programa de verán  “Coñece Ponteareas” vén de organizar unha visita guiada ao Cemiterio municipal de Ponteareas que terá lugar o  xoves, día  6 de agosto, saíndo ás 19:30 h desde a Casa do Concello de Ponteareas.

O obxectivo desta iniciativa cultural  é  dobre,  por un lado dar a coñecer as figuras senlleiras  de Ponteareas que tiveron a súa última morada no camposanto ponteareán e, por outro, divulgar entre  o público a riqueza histórica e patrimonial que encerra este conxunto funerario.

Os cemiterios son museos ao aire libre e, neste caso, o camposanto de Ponteareas axúdanos a coñecer a historia da nosa vila, os seus personaxes máis importantes, así como coñecer e valorar a arte funeraria, cuxos autores, moitos deles marmoristas ponteareáns materializaron a súa arte en sorprendentes mausoleos, vistosos panteóns e artísticas lápidas.

Todas aquelas persoas interesadas en participar nesta visita e adentrarse na arte funeraria, deberán facer a súa inscrición previamente na Biblioteca Pública Municipal ou chamando ao número de teléfono 672 105 468.

Xunto a esta actividade estanse levando a cabo durante este verán tamén outras visitas para coñecer o patrimonio natural e cultural, como é a andaina polo río Tea ou o percorrido polo casco urbano de Ponteareas, cuxo obxectivo é profundizar no coñecemento da nosa vila e gozar da natureza, segundo afirma a edil da área Hortensia Bautista.