O Concello de Ponteareas, obrigado ao pagamento de 2,4 millóns de euros de débedas impagadas anteriores a 2012

Amais, o Concello ponteareán terá que devolver ao Ministerio de Facenda, 222.000 euros de liquidacións negativas de 2013 e 2014

O Concello de Ponteareas terá que afrontar neste 2017, obrigatoriamente, o pagamento de 2.379.500 euros de débedas sen pagar anteriores ao ano 2012. O actual Goberno local ten que asumir nos vindeiros meses estes pagos por tratarse de  sentenzas xudiciais firmes, préstamos e reclamacións de débedas con outras administracións, ao que hai que engadir o pagamento das liquidacións negativos co Estado, 222.500.

Despois do Goberno presidido por Xosé Represas ter liquidado o ano pasado a débeda con Facenda derivada do pago a provedores adiantada no seu día polo Goberno do Estado, o Executivo ponteareán terá que facer fronte “a outras débedas acumuladas polo anterior Goberno do PP”, afirma o concelleiro de Facenda, Francisco Alonso.

Nese sentido, engade o responsable de Facenda, “temos que encaixar contablemente 400.000 euros de facturas anteriores ao 2012” correspondentes ao último plan de pago a provedores adiantado polo Estado, “cantidade que foi descontada ao Concello pero que agora hai que contabilizar por tratarse de facturas debidas pero que, o anterior Goberno, non contabilizara”, engade Alonso.

O certo é que dun orzamento de aproximadamente 13 millóns de euros para este 2017, non quedará case nada para investimento novo, o Concello de Ponteareas, despois de destinar case 5 millóns a todo tipo de gasto corrente, terá que dedicar o 63% do orzamento, aproximadamente 8 millóns de euros, “ao pago das nóminas do persoal e a débedas deixadas de herdanza polo anterior goberno”, aclara o edil ponteareán.

Francisco Alonso foi claro ao sinalar que “temos que buscar ata debaixo das pedras para facer fronte ao desastre económico do anterior goberno”.

Xosé Represas, alcalde de Ponteareas, aseguraba que non é a intención do Goberno local “estar constantemente mirando ao pasado, pero o certo é que a herdanza recibida polo Goberno popular, limita moitísimo a capacidade deste Goberno á hora de realizar investimentos en beneficio da cidadanía e estamos obrigados a informar da situación económica do Concello”.