O Concello de Ponteareas inicia o proceso para a contratación de dous socorristas

Os contratos terán unha duración de tres meses e as persoas seleccionadas estarán destinadas na praia fluvial da Freixa

praia-fluvial-freixaO Concello de Ponteareas vén de abrir o prazo dun proceso selectivo para a contratación de dous/dúas traballadores/as para o posto de socorrista na praia fluvial da Freixa.

O novo goberno municipal quere dar a máxima difusión a este proceso para que todos os veciños e as veciñas de Ponteareas que cumpran os requisitos esixidos teñan as mesmas oportunidades de ser contratados.

Os contratos terán unha duración de 3 meses, sendo a xornada completa e baixo a modalidade de “contrato de traballo de duración determinada de interese social”. As retribucións serán as correspondentes á categoría de Socorrista no Convenio Colectivo do Concello de Ponteareas.

Os interesados deberán ser maiores de 16 anos, estar en posesión do título de bacharelato ou dun segundo grao de Formación Profesional e figurar inscritos no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

A selección efectuarase mediante a correspondente oferta na Oficina de Emprego. Todas aquelas persoas interesadas deberán estar inscritas na oficina co seguinte código de ocupación (CNO): 59.921.017.

O proceso deseñado para valorar os méritos dos aspirantes constará de dúas partes.

A primeira delas terá en conta a acreditación de todos aqueles cursos ou actividades relacionados con socorrismo acuático, natación, primeiros auxilios ou animación ao tempo libre e organizados polas Federacións Española ou Galega de natación ou por outros organismos oficiais.

A segunda parte estará dividida, asemade, nunha proba escrita que porá a proba os coñecementos dos aspirantes en cuestións como as pautas xerais a seguir ante un accidente ou o tratamento de asfixias, picaduras e mordeduras; e noutra proba, esta vez física, consistente no rescate dunha persoa que simula afogarse.

As probas de selección realizaranse ao longo do vindeiro mércores 1 de xullo. Todas as persoas interesadas poden consultar as bases da convocatoria na seguinte ligazón.