O Concello de Ponteareas incrementou nun 50% as subvencións a clubs e entidades deportivas

O Concello de Ponteareas incrementou nun 50% as subvencións a clubs e entidades deportivas

O Goberno municipal destinará 75.000 euros a estas axudas. As solicitudes poderán presentarse telematicamente a partir deste venres 10 de febreiro

O Concello de Ponteareas mantén a súa aposta polo deporte de base coa apertura dunha nova convocatoria de subvencións a clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro da vila correspondentes ao ano 2022, incrementando nun 50% a dotación das axudas ata os 75.000 euros. Así mesmo, tamén aumenta a cantidade máxima que pode percibir cada entidade solicitante, que se incrementa até os 8.000 euros e supón un incremento do 60%.

“Somos conscientes do papel que xoga o deporte como elemento fundamental na formación integral e na mellora da calidade de vida da cidadanía. Estas subvencións son unha colaboración ao labor que están a levar a cabo as entidades ponteareás para fomentar a promoción e a práctica deportiva”, salienta o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó.

As entidades e clubs deportivos interesados en solicitar estas subvencións terán dez días naturais a partir deste venres 10 de febreiro para presentar a súa solicitude de forma telemática a través da sede electrónica do Concello. Entre outros criterios, para a concesión destas axudas en réxime de concorrencia competitiva valorarase o nivel de competición regular do equipo representativo do club, a promoción do deporte feminino, o número de licenzas federativas de maiores e menores de 18 anos ou os gastos en equipamentos, desprazamentos, mantemento de instalacións ou persoal empregado.

“Para nós é un orgullo ver que clubs e asociacións deportivas contribúen ao noso obxectivo de consolidar Ponteareas como un concello vivo e referente no ámbito deportivo, con especial atención ao deporte base. Por iso consideramos fundamental manter o noso compromiso de convocar estas subvencións para todas as temporadas e poder incrementalas paulatinamente”, recalca o concelleiro.