O concello de Ponteareas incrementa as axudas ao deporte nun 50% nos orzamentos do 2020

A concelleira de Deportes, Nahir Covelo, informa do incremento do 50% das axudas ao deporte que se concreta nunha nova partida de 25.000€ para subvencionar todo tipo de eventos deportivos que se celebran ao longo do ano en Ponteareas. Ao mesmo tempo mantense a partida de 50.000€ de apoio aos clubs deportivos pasando así de 50.000 a 75.000€ de subvencións ao deporte.

O goberno municipal convocará a todos os clubs deportivos para presentarlle esta nova convocatoria de axudas aos eventos que organizan e recoller as súas aportacións. Nahir Covelo adianta que será unha convocatoria aberta por libre concurrencia.

A concelleira explica que ao longo de todo o ano os clubs locais organizan distintas competicións, torneos, concentracións, exhibicións e probas que atraen a centos de familia á nosa vila contribuíndo na promoción de Ponteareas e tamén na súa dinamización económica.

A convocatoria das axudas de 25.000 euros para eventos deportivos será realizada neste primeiro trimestre do ano e posteriormente as axudas de 50.000 euros a clubs deportivos para os gastos das súas actividades.