O Concello de Ponteareas foi condenado a pagar 1,3 millóns de euros de facturas de enerxía eléctrica impagadas de 2007 a 2009

O actual Goberno municipal sigue asumindo débedas  do anterior executivo, presidido polo PP

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven de darlle a razón á empresa Central Eléctrica Sestelo e cía  na súa reclamación contra o Concello de Ponteareas pola débeda xerada entre os anos 2007 a 2009 correspondente ao consumo eléctrico de alumeado público e diversas instalacións municipais.

A sentenza ditada responde a un recurso presentado pola compañía eléctrica contra a decisión do anterior goberno do PP de deixar sen pagar facturas de 2007, por 328.061 euros, 2008 por un total de 596.533 euros e facturas de 2009, de 401.582 euros, que suman un total de 1.326.177 €.

O TSXG confirmou a sentenza e deulle a razón a empresa demandante por non ter pagado o Concello centos de facturas e polo tanto toda a débeda que non prescribira no momento do plan de pago a provedores en abril de 2012, plan no que a anterior goberno de Salvador González rexeitou incluir estas débedas para o seu pago, provocando a demanda xudicial da empresa. Agora, como era previsible, o Concello deberá pagar tras a condena en firme máis de 1,3 millóns de euros. “Outro burato económico máis, xenerado polo anterior goberno con Belén Villar ao cargo da facenda municipal”, asegurou Francisco Alonso, concelleiro de Facenda.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, subliñou que “neste primeiro ano a fronte do Concello vémonos obrigados ao pago de máis 3 millóns de euros de débedas pendentes do anterior executivo do PP. E agora, aínda debemos pagar estas facturas de enerxía eléctrica de 2007 a 2009, que se veñen a sumar ás outras moitas débedas que o anterior goberno deixou sen pagar. Estas decisións do anterior Goberno de gastar sen control e non ser capaces de atender nin o gasto corrente, provocou unha situación económica insostible co Concello na bancarrota, dando mala imaxe de Ponteareas con reclamacións continúas, e débedas ‘esquecidas’ mesmo de 1998”.

Un ano despois do cambio de executivo, o actual Goberno local sigue enfrontándose a novas sorpresas, a novas condenas orixinados pola irresponsabilidade do anterior Goberno que teñen afectado negativamente aos intereses xerais de Ponteareas.

“Agora, unha das prioridades é abordar a aplicación desta nova condena, buscando a formula máis vantaxosa para os intereses municipais e para evitar máis retrasos ou incumprimentos nos pagamentos para que a débeda non siga incrementándose”, comentou o alcalde. Xosé Represas considera que esta nova condena supón unha dificultade engadida para levar a cabo novas políticas de cambio e para favorecer a creación de emprego. Pero indica que farán todo o posible para que a veciñanza non  pague as consecuencias da nefasta xestión do PP.

 “Estamos realizando unha xestión axustada do gasto do Concello para atender todos os servizos básicos e as medidas de benestar social.”, explicou. “A nosa obriga é manter e mellorar os servizos que ofrece o Concello aínda que, decontado, non teñamos posibilidade de facer novos investimentos cos recursos municipais. Ao fío destas condenas, “é oportuna unha reflexión de todos para que nunca máis se consintan Gobernos corruptos que xestionan e gastan sen control”, engadiu.