O Concello de Ponteareas estivo un ano máis presente en Carrión de los Condes na XXV Feira de Turismo e Artesanía do Camiño de Santiago.

alfombra en Carrión de los Condes 2015 Durante o sábado, día 8 de agosto e o domingo, día 9, os visitantes da XXV Feira de Turismo e Artesanía do Camiño de Santiago, que se levou a cabo en Carrión de los Condes, Palencia, puideron coñecer de primeira man a vila de Ponteareas, o seu patrimonio e o seu maior reclamo turístico que é o Corpus Christi.

Por quinto ano consecutivo, o Concello de Ponteareas estivo presente cun expositor propio nesta feira tan coñecida, invitado polo concello de Carrión de los Condes, e que ten por obxectivo impulsar o turismo no Camiño de Santiago. Nesta caseta do Concello de Ponteareas, ademais de ofertar material turístico de Ponteareas e do Corpus, proxectáronse vídeos do Corpus Christi de 2015, así como imaxes de alfombras florais de distintos anos e dos distintos atractivos turísticos da Vila do Tea. Contou este ano tamén o expositor cunha mostra de artesanía procedente do Centro de Recuperación de Cultura Popular do Castelo de Sobroso, propiedade do Concello de Ponteareas.expositor do Concello de Ponteareas

Carrión de los Condes honrou este este ano ao Concello de Ponteareas cunha distinción coa que se quixo premiar o esforzo e fidelidade en asistir ano tras ano a esta feira de promoción do turismo e da artesanía, na que Ponteareas participa desde hai cinco anos, ofrecéndolle aos visitantes información turística, significando un gran escaparate da cultura e patrimonio turístico de Ponteareas e, en especial do Corpus Christi.

As alfombras florais de Ponteareas estiveron presentes grazas ao traballo da delegación de alfombristas do tramo da Fonte do Baratillo, a cal confeccionou unha vistosa alfombra floral, participando na Mostra de Alfombras de Arte Efémera. A mostra de arte efémera de Ponteareas, diante da Casa do Concello de Carrión de los Condes, tras a elaborada pola vila anfitrioa, marabillou e asombrou aos asistentes á feira.

Así mesmo, o Concello de Ponteareas ofreceu a degustación dunha das exquisiteces gastronómicas da vila como son as rosquillas de Ponteareas, ofrecidas desinteresadamente polas confeiterías Ancla e Regino. A concelleira delegada da área de Cultura e Turismo, Hortensia Bautista, quere agradecer publicamente o esforzo da delegación de alfombristas, así como a colaboración das confeiterías Ancla e Regino e do Centro de Recuperación de Cultura Popular do Castelo de Sobroso, neste evento que dá a coñecer fóra das nosas fronteiras a nosa vila, a nosa tradición máis senlleira e a nosa gastronomía.