O Concello de Ponteareas estará presente un ano máis na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid

LOGO FITURO Concello de Ponteareas estará presente este venres, día 30 de xaneiro, un ano máis da man de Turgalicia no maior escaparate para o mundo que é Fitur, Feira Internacional de Turismo, onde Ponteareas terá a oportunidade de promocionar a súa vila como un destino de calidade de primeira orde, promocionando a súa festa singular, o Corpus Christi, como o reclamo turístico máis importante, así como poñendo en valor os seus recursos turísticos como son a natureza, a cultura, o patrimonio e as súas festas para que a través da difusión no sector turístico poida ser escollida como destino de futuros viaxeiros que se acheguen para coñecer a vila do Corpus.

Neste evento, o Concello de Ponteareas, a través do concelleiro de Turismo, Andrés Sampedro Fernández, explicaralles aos profesionais do sector turístico que se dan cita na feira madrileña a importancia do Corpus Christi, Festa de Interese Turístico Internacional, que fai que cada ano se acheguen ata a Vila do Corpus milleiros de persoas procedentes de toda Galicia e tamén do resto de España, así como do norte de Portugal que desexan contemplar e admirar unha vila convertida en poucas horas nun inmenso tapiz floral.

Para tal fin, promocionarase a festa do Corpus Christi de xeito visual a través dun vídeo no que poderán asistir en vivo á celebración do Corpus desde o día antes, coa preparación das rúas desde o inicio ata o completo tapizado floral, así como asistir o día propio á procesión do Santísimo e á explosión de pétalos que rocían a custodia ao seu paso procesional. Igualmente, estarán a disposición dos visitantes todo tipo de folletos promocionais tanto da festa que singulariza a Ponteareas, como dos seus atractivos turísticos, así como se ofrecerá a degustación do elemento gastronómico que representa á Vila do Tea, as famosas rosquillas de Ponteareas.