O Concello de Ponteareas entregou os premios dos Xogos Florais 2020!

A Concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas, que dirixe o nacionalista Fernando Groba Bouza, convocou a V edición do certame de poesía Xogos Florais no mes de marzo con intención de facer a entrega de premios o día 17 de maio no marco das actividades conmemorativas do Día das Letras Galegas 2020. No entanto, o confinamento e o estado de alarma obrigaron a ampliar o prazo de presentación e a anular todas as actividades que o Departamento de Cultura tiña planificadas.

Agora, aproveitando a nova convocatoria do plenario que a Real Academia Galega comunicou para homenaxear a figura de Ricardo Carvalho Calero -que coincidiu co 110 aniversario do seu nacemento- e o fallo dos membros que conformaron o xurado do concurso, a concellería entregou o sábado os galardóns nun acto que se caracterizou por ser moi discreto, sen público, ao aire libre e coa distancia social necesaria.

 

Aproveitamos que a Academia tiña a convocatoria para hoxe para facer, en Ponteareas, o acto de entrega dos premios do certame de poesía Xogos Florais. Tiñamos pensado facer algo máis grande, unha gala acompañada por outras actividades culturais, porén o novo marco social e as últimas restricións sanitarias non nos deixaron moita marxe de actuación”, indica Fernando Groba. “Agora ben, como o ano está a piques de rematar e a chegada dun novo confinamento semella inminente, decidimos -dentro das directrices que marcan as autoridades sanitarias- darlles os galardóns a quen os gañou, comunicalos a través dos medios de comunicación e divulgalos por medio das redes sociais da concellería e do concello. É unha forma moito máis humilde e discreta de homenaxear as nosas escritoras e escritores, no entanto, necesaria e segura”, aclara.

As persoas vencedoras desta edición foron: na categoría infantil, Marina Darriba Barbosa -co poema titulado “Azul”-, Arón Pregal Pérez -con “O can”- e Lucas Días Gómez -con“O Condado Paradanta”; na categoría xuvenil, as persoas galardoadas foron Elia González García -polo seu poema “O meu mundo”, Jennifer Abal da Silva -con “Dunha nena orfa”- e Melisa López Muñoz -con “O vacío”. E, na categoría adulto, Rosa María Novoa Vázquez -con “Primavera Punk”, Ana Belén Fernández Melón -con “Blasfemias”- e Dina Carpente -con “Inimigo invisible”-.

O xurado, que o conformaron o filólogo, profesor, dramaturgo e escritor polifacético Roi Vidal Ponte, a avogada e escritora Isabel Blanco e o filólogo, profesor e concelleiro de Cultura Fernando Groba, valorou “a calidade poética e lingüística dos textos así como a súa orixinalidade e capacidade de evocación”.