O Concello de Ponteareas elimina unha vertedura incontrolada preto do Castro de Troña

O Concello de Ponteareas elimina unha vertedura incontrolada preto do Castro de Troña

 

A concellaría de Medio Ambiente lembra que a veciñanza pode solicitar o servizo gratuíto de recollida de utensilios chamando ao 986 640 307

 

O Concello de Ponteareas vén de retirar unha vertedura incontrolada preto do Castro de Troña, un punto no que se detectou a acumulación de residuos sólidos de distinta natureza, co conseguinte prexuízo que causa tanto á propia veciñanza como á contorna dende o punto de vista ambiental.

 

A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, lembra que este tipo de actitudes incívicas “amosan a falta de respecto” cara ao resto de ponteareás e ponteareáns e que existe un servizo de recollida de todo tipo de lixo e utensilios totalmente de balde chamando ao número de teléfono do punto limpo 986 640 307. Neste caso, indicaráselle día e horario para proceder a depositar os diferentes elementos para que a empresa pase a recollelos coa maior inmediatez posible.

 

A normativa de residuos contempla sancións elevadas para estas accións, xa que se considera unha infracción moi grave o abandono, incluído lixo disperso; a vertedura e a xestión incontrolada de calquera tipo de residuos, porque pode supoñer un perigo grave para a saúde das persoas ou producirse un dano ou deterioro grave para o medio ambiente ou espazos protexidos.

 

“Xestionar os residuos de forma eficiente permítenos evitar danos á fauna e á flora, así como ao patrimonio arqueolóxico”, recalca a edil.