O Concello de Ponteareas destina 50.000 euros en subvencións de apoio á cultura

O BOP publica hoxe a convocatoria de axudas ás casas e centros culturais

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, informa que a partir de mañá xa se poden presentar as solicitudes de apoio á cultura logo da publicación, no Boletín Oficial da provincia de hoxe, da convocatoria de subvencións destinada a casas e centros culturais do Concello de Ponteareas.

De novo, o Concello de Ponteareas amosa o seu firme apoio á cultura e á iniciativa da veciñanza que a través das casas e centros culturais desenvolven un importante papel na dinamización da cultura, especialmente nas parroquias de Ponteareas

A través desta subvención dotada con 50.000€ a concellería de Cultura colaborará cos gastos de funcionamento e mantemento das casas e centros culturais incluídos na rede municipal contribuíndo no fomento e na posta en valor dos propios centros e da súa actividade cultural.

A partir de hoxe hai quince días para presentar a documentación e os impresos debidamente cumprimentados.

Esta liña de axudas subvenciona os gastos das actividades programadas por cada Casa ou Centro cultural así como os gastos xerais de mantemento, subministros e custes enerxéticos, entre outros derivados do uso e funcionamento de cada centro. Como noutros anos, a promoción da lingua galega, o número de actividades programadas ou o número de asociados serán algúns dos aspectos a ter en conta na valoración das solicitudes.
Fernando Groba salienta a convocatoria destas axudas en momentos tan complicados como os que estamos a vivir no que é preciso seguir apoiando á actividade cultural e o esforzo que rezalizan as persoas que asumen a responsabilidade de cada unha das xuntas directivas dos centros e casas culturais das parroquias do municipio.

As bases poden consultarse no botón “axudas e subvencións” da páxina web do Concello ou premendo directamente nesta ligazón https://ponteareas.gal/axudas-subvencions/