O Concello de Ponteareas crea unha bolsa de voluntariado xuvenil e seleccionará oito candidatos, que levarán a cabo programas de acción voluntaria dentro do concello.

icono-voluntarioO Concello de Ponteareas crea unha bolsa de voluntariado xuvenil e seleccionará oito candidatos, dentro do programa denominado “Información e apoio ao Servizo de Voluntariado”, e que ten por finalidade concienciar á poboación da importancia do labor voluntario e os seus valores, en actividades relacionadas coa prestación de información e apoio “in situ” aos usuarios.

A través das bases que regulan esta bolsa, seleccionaranse 8 candidatos que desenvolverán no exercicio 2015 o programa denominado “Información e apoio ao Servizo de Voluntariado”, sendo a data máxima de finalización da prestación o 15 de outubro de 2015.

Os requisitos para poder acceder á bolsa de voluntariado xuvenil son posuír a nacionalidade española, ter unha idade comprendida entre os 16 e 30 anos, así como cumprir outros requisitos establecidos nas bases.

As persoas seleccionadas serán reembolsadas ou compensadas polos gastos realizados no desenvolvemento das accións voluntarias coa cantidade de 6 euros por día, en concepto de manutención e para cubrir os custes de desprazamento, debendo prestar a súa colaboración como voluntario nunha xornada de 6 horas diarias, durante un período de 60 días.

As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Ponteareas, ou noutros rexistros admitidos nas bases, dentro do prazo de 5 días naturais. O prazo rematará o día 14 de agosto de 2015.

As bases de selección poden consultarse na páxina web www.ponteareas.gal ou no taboleiro de anuncios do Concello de Ponteareas. Para recibir máis información, poden dirixirse a Axente de Emprego municipal, a través do teléfono 986 64 00 00 .

A concelleira de Benestar Social e Mocidade, Verónica Carrera, anima a toda a xuventude a que participe nesta acción voluntaria, poñendo de manifesto a necesidade de concienciar á poboación da importancia do labor do voluntariado e os seus valores.